O Belén de Begonte ábrese ao público esta fin de semana
O Belén de Begonte ábrese ao público esta fin de semana
Un novo portal e un esmoleiro, entre as novas pezas deste emblemático nacemento, declarado Ben de Interese Turístico de Galicia
Sesenta metros cadrados de pura esencia do Nadal rural galego. Así é o belén electrónico de Begonte, que abre as súas portas ao público este primeiro sábado de decembro. Faino con máis de 70 figuras, das que medio cento están articuladas.
Moitos dos autómatas que podemos ver en acción neste nacemento recrean os oficios tradicionais. Como novidade, este ano conta cunha nova figura, que non é outra que a dun pobre de pedir.
A peza foi realizada pola artesá María Méndez Rodríguez, xa finada, e foi cedida polo seu fillo. E tamén é novo o propio portal.
Carlos Torres, integrante do equipo que monta o belén: "Cambia todos os anos algo. O portal o ano pasado estaba abovedado, polo que era moi diferente ao deste ano, que é novo totalmente. E o resto pois vén sendo coma estes anos pasados, máis ou menos".
Fundado hai máis de medio século, este nacemento automatizado funciona por ciclos de día e noite cunha duración total dun cuarto de hora.
Ramiro Cruz, electricista do belén: "Temos un cadro de mandos, que é coma unha árbore de levas que vai pulsando. Unhas traballan polo día e outras de noite, con varios ciclos. Un motor é o que manexa todo e vai poñendo as figuras en movemento".
Declarado Ben de Interese Turístico de Galicia, o Belén de Begonte é admirado cada ano por unhas 40.000 persoas. Poderá ser visitado as fins de semana e mais os festivos, e todos os días durante o Nadal.