O BNG forza unha comisión de investigación sobre os contratos da Xunta de Feijóo
O BNG forza unha comisión de investigación sobre os contratos da Xunta de Feijóo
Pontón advirte: “Imos usar a forza dos nosos 25 deputados para sacar á luz todo o que o PP quere esconder”
O Parlamento investigará co voto en contra do PP os supostos contratos irregulares asinados pola Xunta durante a pandemia, cando Alberto Núñez Feijóo era presidente
O BNG empregará o seu peso no Parlamento Galego para activar unha comisión de investigación sobre os supostos contratos irregulares da Xunta durante a pandemia, cando o líder de PP, Alberto Núñez Feijóo, era presidente. Contratos con empresas como EULEN -da que é directiva a irmá do ex mandatario galego- ou o suposto sobrecusto da construción do hospital Álvaro Cunqueiro sinalado polo Consello de Contas.
Así o avanzou a portavoz nacional do Bloque Ana Pontón durante a súa intervención no debate sobre a posta en marcha desta comisión, que o Bloque levou a votación no primeiro pleno do período de sesións, que arrincou este martes pola mañá.
Aínda que o PP votou en contra, Pontón anunciou que empregarán o mecanismo do regulamento da Cámara que outorga capacidade aos grupos con polo menos un terzo dos asentos no hemiciclo do Pazo do Hórreo para crear comisións de investigación.
“Avánzollo, digan o que digan hoxe, haberá comisión de investigación. Imos usar a forza dos nosos 25 deputados para sacar á a luz todo o que o PP quere esconder”, advertiu Pontón.
Pontón cargou contra os populares por vetar a comisión polo trámite ordinario demostrando, ao seu xuízo, que teñen medo “á transparencia” porque parece que queren esconder “que meten a man na carteira dos galegos para beneficiar a empresas amigas do PP” e pediulles que “non veten” o traballo da comisión xa que a maioría parlamentaria coa que conta o PP no Pazo do Hórreo poderá determinar o calendario e as comparecencias das que se dota este órgano.
Desde o PSdeG, Elena Espinosa tamén urxiu transparencia e pediu “respostas claras” do PP sobre as contratacións da Xunta das que se deducen “indicios obxectivos da existencia dun trato de favor”.
“Os socialistas queremos transparencia, queremos que Galicia lidere a ética pública porque os galegos merecen coñecer a verdade”, resolveu.
O deputado de Democracia Ourensá, Armando Follea, dixo que el é “escéptico” sobre a utilidade destes mecanismos de investigación aínda que dá o seu voto de confianza á mesma para ver “se esta é a excepción” e serve para realmente fiscalizar os contratos da administración autonómica.
O portavoz do PP no Parlamento galego, Alberto Pazos Couñago, acusou aos nacionalistas de trasladar a Galicia e a España o “sistema bolivariano” de Nicolás Maduro para “embarrar” a política.
Dixo que como na actualidade están a investigarse casos “de corrupción” relativos á esposa ou ao irmán do presidente Sánchez, a oposición en Galicia, nunha operación “da máquina do lodo” opta por querer investigar á parella e á irmá de Núñez Feijóo. E avisa: “Ao final da comisión veremos a quen hai que pedirlle responsabilidades”.
Os nacionalistas piden investigar determinados procedementos de contratación da Xunta, que incluiría tanto os vinculados á empresa EULEN como os da adxudicación para a construción e explotación externa de determinados servizos non médicos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A investigación que forzará o BNG no Parlamento busca analizar determinados procedementos de contratación da Xunta vinculados á empresa Eulen, pero tamén o “millón de contratos a dedo” que se asinaron entre 2018 e 2024 e que ascenden a un custo de 4.000 millóns de euros.
Así mesmo, indagarase sobre a adxudicación para a construción e explotación externa de determinados servizos non médicos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, despois de que o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do Cunqueiro publicado polo Consello de Contas ditaminase que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta, xa que supoñería un aforro de máis de 470 millóns de euros.