Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BNG non facilitará un goberno da dereita, pero non dará “cheque en branco” ao PSOE

O BNG non facilitará un goberno da dereita, pero non dará “cheque en branco” ao PSOE

Esixirán “compromisos firmes” despois de que na pasada lexislatura, lamentou, o Goberno de coalición deixara sen cumprir algúns dos acordos

G24.gal 02/08/2023 13:32

O deputado electo do BNG, Néstor Rego, asegurou este mércores que o seu voto en ningún caso servirá para facilitar un Goberno “da dereita”, pero tampouco será “un cheque en branco” para o PSOE a quen lle esixe “compromisos” con Galicia; e engadiu que o seu partido buscará evitar que o PP teña "o control da Mesa" do Congreso.

O único representante co que contan os nacionalistas galegos no Congreso subliñou que o seu voto ten que servir para que o próximo Goberno asuma as necesidades de Galicia como “compromisos” e así o reclamará na negociación para a investidura.

O BNG elaborará un documento coas liñas fundamentais que debe adquirir o PSOE se quere o apoio dos nacionalistas galegos e, incidiu Rego, “esta vai ser a coherencia nas próximas semanas”.

Esixirán “compromisos firmes” despois de que na pasada lexislatura, lamentou, o Goberno de coalición deixara sen cumprir algúns dos acordos entre o PSOE e o BNG.

“Que quede claro que non damos un cheque en branco a ninguén, non o fixemos nunca nin o imos a facer. Os intereses do noso país teñen que ser asumidos como compromiso”, insistiu Rego.

Deste xeito, o BNG buscará “activar a axenda galega” a través de catro liñas fundamentais que se basean en “compensar o déficit histórico en investimentos”, o impulso das políticas sociais, a posta en marcha dunha acción de emerxencia para loitar contra a crise industrial e a activación dunha política ambiental que evite que a comunidade sexa utilizada unicamente para detraer recursos.

Rego incidiu en que os partidos que desexen conformar Goberno deberán atender estas peticións debido a que os resultados do 23 de xullo fan que “emerxa con relevancia o papel das forzas nacionalistas, soberanistas e independentistas”.

A xuízo do dirixente nacionalista, nas Cortes Xerais terá “maior presenza a cuestión nacional” e “a necesidade dun recoñecemento, non só formal, un recoñecemento real do carácter plurinacional do Estado español”.

Agora, remarcou Rego, “Galicia non pode estar á marxe dese proceso” porque non pode darse un escenario no que as prioridades de Euskadi e Cataluña estean presentes e as de Galicia non.

“O noso país non pode perder outra vez ese tren”, insistiu o deputado electo.

Finalmente e para as próximas votacións na cámara baixa, o nacionalista galego apuntou que o seu voto tamén buscará evitar que o PP poida ter “o control da Mesa do Congreso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade