O BNG pide para Galicia o 50 % dos fondos europeos do PERTE do naval
O BNG pide para Galicia o 50 % dos fondos europeos do PERTE do naval
Ana Pontón salienta a "capacidade desaproveitada" do sector en Galicia e di que un "país con futuro fortalece a súa industria"
O BNG presentou este martes en Ferrol as súas propostas en materia de construción naval. Ana Pontón avogou por un centro tecnolóxico para apostar pola innovación do sector en Galicia e pediu un repartimento xusto dos fondos europeos do PERTE do naval.
Pontón resaltou que un "país con futuro fortalece a súa industria" e incidiu na "capacidade desaproveitada" do naval, para o cal, opinou, o Goberno central mantivo un "mesmo deseño" nas últimas décadas.
Esa política, puntualizou, supón "limitar a capacidade deste país no naval" porque PSOE e PP, asegurou, "altérnanse na discriminación" aos estaleiros galegos.
Pontón sinalou sobre o PERTE do naval que é "claramente unha tomadura de pelo con este país; simplemente prevé investimentos públicos de 310 millóns de euros para un sector estratéxico".
En referencia á demanda dun novo dique para a planta de Navantia Ferrol, declarou que "se son certas as estimacións do Goberno, case a metade dese PERTE tería que ir unicamente" a esa infraestrutura.
"Un paripé, un Goberno que non está a poñer os recursos que necesita o naval galego", considerou a máxima representante do BNG, que valorou o "reto tan importante de modernización e dixitalización" que encaran os estaleiros.