Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BNG propón a Carme da Silva como senadora por designación autonómica

O BNG propón a Carme da Silva como senadora por designación autonómica

A elección efectuarase no pleno extraordinario do Parlamento de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres

G24.gal 26/07/2023 12:42

O BNG propuxo a Carme da Silva como senadora por designación autonómica en tanto que lle corresponde en función do resultado das eleccións galegas de 2020, en que o Bloque se converteu na segunda forza con 19 escanos no Parlamento.

Da Silva concorría como cabeza de lista por Pontevedra nas eleccións xerais do pasado domingo pero o BNG non conseguiu representación na devandita provincia.

A elección efectuarase no pleno extraordinario do Parlamento de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres.

Destacan desde a formación nacionalista o currículo de Da Silva, que ten unha “dilatada experiencia política e tamén parlamentaria”.

Ademais é tamén a responsable da área de Política Municipal dentro da Executiva Nacional e foi a coordinadora de campaña nas pasadas eleccións locais do 28 de maio.

Con esta decisión, a formación que lidera Ana Pontón busca apostar por unha muller de longa traxectoria política, con moita experiencia tanto no ámbito institucional como de xestión, “unha voz forte e solvente para visualizar Galicia tamén na Cámara Alta”, sinala o BNG.

A que será designada senadora no Pleno desta semana, agradeceu ao BNG a confianza para asumir esta responsabilidade como senadora autonómica e que asume “co máximo compromiso e coa intención de dar o mellor de min para facer valer os intereses dos galegos e das galegas en Madrid, neste caso desde o Senado”.

“No BNG somos conscientes de que é unha Cámara con moitas limitacións, pero imos espremer ao máximo as posibilidades que nos dá o Senado para defender aqueles asuntos que máis lle interesan a Galicia”, expuxo a tamén edil en Pontevedra.

Así, comprometeuse a “facer xusto o contrario do que fixo o señor Feijóo, que era senador por Galicia pero nunca presentou ningunha proposta ou iniciativa en defensa deste país”.

Pola súa banda, o PP propón como senadores o ex presidente da Deputación de Ourense José Manuel Baltar Blanco, que deixou ese cargo tras as eleccións municipais de maio, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, quen se sumará así aos doce que foron elixidos nas eleccións xerais deste domingo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade