O BNG súmase ás demandas da Frota da Liberdade e pide romper con Israel
O BNG súmase ás demandas da Frota da Liberdade e pide romper con Israel
O BNG recibiu este venres no Parlamento de Galicia membros da Frota da Liberdade, que navega co lema 'Xuntos romperemos o asedio en Gaza'
A Frota “recoñece o esforzo do Goberno español para recoñecer a Palestina como Estado” aínda que “non é suficiente”
O BNG recibiu na cámara galega unha representación da Frota da Liberdade, composta por activistas que van viaxar a Gaza para levar axuda humanitaria. A formación nacionalista deulles o seu apoio e reclamou accións concretas para axudar o pobo palestino.
A deputada do BNG Iria Taibo agradeceu o seu labor a estas persoas que se están esforzando por “levar axuda humanitaria” a Gaza e ademais “informar sobre o que está a pasar”.
Os nacionalistas, pola súa banda, rexistraron unha iniciativa na que insisten na “importancia de romper relacións comerciais con Israel” e de levar a cabo un bloqueo diplomático.
Felipe López, membro da tripulación, agradeceu ao BNG o seu recibimento e reiterou a necesidade de que as administracións poñan fin á “complicidade con Israel”.
Con todo, sinalou que a Frota “recoñece o esforzo do Goberno español para recoñecer a Palestina como Estado” aínda que este xesto, ao seu entender, “non é suficiente” polo que ha de haber “sancións políticas” para Israel.