A Feira do Libro de Vigo volve á alameda con 20 casetas
A Feira do Libro de Vigo volve á alameda con 20 casetas
Abre en horario de mañá e tarde ata o vindeiro domingo
Ledicia Costas, María Xosé Porteiro ou Perfecto Souto, entre outros, asinan exemplares das súas últimas obras
Bota a andar este luns un clásico do verán vigués, a feira do Libro, que nesta ocasión retorna ao seu emprazamento tradicional, na alameda da praza de Compostela.
"É o se lugar tradicional, o que identifica a xente, ademais de ser o máis acaído, coa sombra das árbores, que convida a pasear", sinala Patricia Porto, directiva da Federación Galega de Librarías. "As feiras son sempre necesarias, porque é un xeito de achegar os libros á xente. E contra ese medo ou ameaza dos medios dixitais ou a venda en liña, segue a haber un público leal que opta polo formato en papel e compra nas librarías", asevera Patricia Porto.
Vinte casetas participan este ano, entre editoriais, librarías -seis son de Vigo e o resto doutras partes de Galicia-, bibliotecas, centros de documentación e mesmo clubs de lectura. Hai debutantes, como o caso das editoriais Baicea e Malafera, que comparten posto. Á fronte desta última está a poeta viguesa Branca Trigo.
A poeta María Lado inaugurou a feira este mediodía en presenza das autoridades locais e da Xunta. Outros autores de renome, como Ledicia Costas, que está tendo grande éxito con "Pel de Cordeiro", publicado o pasado mes de maio por Xerais, asinarán exemplares das súas obras ao logo dos sete días que dura a feira.
Haberá tamén actividades literarias e musicais, especialmente para os máis cativos, que complementan o programa do evento, que pechará o vindeiro domingo.