O Bono Concilia para financiar campamentos ou coidadores pode pedirse desde este mércores
O Bono Concilia para financiar campamentos ou coidadores pode pedirse desde este mércores
Poden solicitalo as familias con nenos de ata 13 anos que por cuestións laborais ou de enfermidade precisen de axuda para manter a conciliación en momentos puntuais
As contías poden ser de ata 500 € para a contratación dunha persoa ou de 200 € para o pagamento de campamentos
As axudas do Bono Concilia Familia, dirixidas a facilitar a conciliación para pais e titores que traballan, poderán pedirse a partir deste mércores. Ademais, a convocatoria deste ano simplifica o proceso de solicitude deste bono para axilizar a tramitación e o pago das axudas.
Deste xeito, suprímese o requisito de presentar algúns documentos dos que a administración xa dispón e que pode consultar internamente "sen a necesidade de pedilos ás familias".
Segundo avanzou esta mesma semana o presidente galego Alfonso Rueda, incrementou en máis dun 60 % o orzamento inicial na convocatoria deste ano, ata alcanzar os 2,6 millóns de euros, para así incluír tamén nenos de ata 13 anos e chegar a 35.000 familias.
O DOG xa publica a nova convocatoria destas axudas, que poderán solicitarse a partir deste mércores e ata o 17 de outubro.
Así mesmo, atrasouse a convocatoria desde mediados de setembro ata mediados de outubro para que aquelas familias cuxos fillos foron a un campamento en agosto ou en setembro "teñan as mesmas finalidades á hora de solicitar esta axuda" que aquelas que os levaron en xuño ou xullo.
O presidente galego subliñou que o obxectivo deste programa é que os pais e nais poidan atender as súas necesidades de conciliación de carácter puntual. Por exemplo, por enfermidade ou cuestións laborais, ou durante os períodos de vacacións escolares.
As contías poden ser de ata 500 euros por unidade familiar para a contratación dunha persoa empregada no fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio, ou de 200 euros por neno para o pago de campamentos ou doutros recursos de conciliación, como ludotecas ou espazos infantís.
En canto ao número de bonos, a Xunta sinalou que o ano pasado concedeu esta axuda a preto de 11.000 familias, "duplicando as cifras de 2022", mentres que a previsión para este ano é acadar os 13.500 beneficiarios.