Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Breogán, a despedir un ano histórico cun triunfo en Gran Canaria

O Breogán, a despedir un ano histórico cun triunfo en Gran Canaria

A vitoria onte á noite do MoraBanc Andorra na pista do Zaragoza engadiu máis presión ao conxunto dirixido por Veljko Mrsic

Foto @CBBreogan Foto @CBBreogan
G24.gal 29/12/2023 14:09 Última actualización 29/12/2023 14:13

O Río Breogán despide este sábado un 2023 histórico polo seu regreso a unha competición continental 37 anos despois, coa necesidade de sumar un triunfo na pista do Gran Canaria para abandonar a zona de descenso.

A vitoria onte á noite do MoraBanc Andorra na pista do Zaragoza engadiu máis presión ao conxunto dirixido por Veljko Mrsic, penúltimo clasificado cun balance de catro vitorias e 11 derrotas.

Gañar no Gran Canaria Area, con todo, supoñería unha inxección moral para un Breogán que vén de sufrir un duro golpe no derbi contra o Obradoiro, no que foi o último partido como breoganista do estadounidense Justin Anderson.

Unha baixa que o equipo lucense supliu coa chegada doutro xogador con pasado na NBA, o escolta Ben McLemore, que procede do AEK Atenas pero acumula máis de 550 partidos na competición americana.

McLemore terá os seus primeiros minutos no partido de mañá, no que, ademais, Mrsic podería forzar a volta de Sergi García, xa que parece difícil que dea minutos ao seu compatriota Toni Nakic a pesar de que xa ten a alta médica.

O croata disputou un só partido oficial no últimos dez meses e está falto de ritmo, así que entre o seu compatriota Matej Rudan, o arxentino Juan Fernández e o lituano Martynas Sajus volverán acumular moitos minutos na pintura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade