A mala calidade do aire mantense en varios puntos de Galicia, aínda que a chuvia e a brisa mellorarán a situación
A mala calidade do aire mantense en varios puntos de Galicia, aínda que a chuvia e a brisa mellorarán a situación
A mala calidade do aire mantense en varios puntos de Galicia, aínda que a chuvia e a brisa mellorarán a situación
Segundo publicou Meteogalicia, os niveis elevados de partículas detectados débense ao fume deses incendios no norte de Portugal
Os datos recolleitos das estacións de medición sinalan calidade pésima do aire na estación Sur de Sarria, situada nun complexo cementeiro, e moi mala calidade do aire en Monte Xalo-Cerceda e na zona industrial de Vilar no municipio de Lugo
A mala calidade do aire mantense en varios puntos da comunidade galega debido ao fume procedente dos incendios que arrasan Portugal, mesmo con puntos nos que as estacións rexistraron "moi mala" calidade do aire, como Cerceda, Lugo-Vilar e un con calidade "pésima" en Sarria, estacións que, con todo, están próximas a zonas industriais. Ao longo da mañá a calidade do aire na vila foi empeorando ata situarse no nivel máis alto. Pasou de calidade moi mala a pésima, pero na rúa poucos o notaron.
Segundo publicou Meteogalicia, os niveis elevados de partículas (PM) detectados débense ao fume deses incendios no norte de Portugal, aínda que, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente matiza que "a chegada de chuvascos, que xa se están producindo no sur, e a presenza de brisas costeiras farán que a situación mellore co avance do día".
Os datos recolleitos das estacións de medición sinalan calidade pésima do aire na estación Sur de Sarria, situada nun complexo cementeiro, e "moi mala" calidade do aire en Monte Xalo-Cerceda e na zona industrial de Vilar no municipio de Lugo. Mentres, a calidade é mala segundo os datos recolleitos en estacións de medición de Xinzo, Laza, Ourense, Vigo, Sarria, Lugo-Fingoi, Curtis, Arteixo, Cee, Santiago, As Pontes e A Coruña.
No resto de estacións, os parámetros sitúan a calidade do aire como regular, boa ou favorable. En total, algo mais do 43 % das estacións da rede que mide a calidade do aire presentan datos de calidade mala, moi mala ou pésima, mentres que o resto rexistran calidade do aire regular, favorable ou boa.
Ante esta situación, Meteogalicia sinala que a poboación de lugares con aire de mala calidade pode sufrir efectos sobre a saúde, polo que se recomenda evitar as actividades prolongadas e activas no exterior para os grupos de risco e para a poboación en xeral, especialmente se aparece a tose, irritación de garganta ou sensación de falta de aire.
Ante a elevada presenza de particulas de po en suspensión, as autoridades recoméndanlle á poboación evitar as actividades deportivas no exterior e pechar ventás e portas nas casas. É importante protexer os máis vulnerables: nenos, embarazadas, enfermos cardiovasculares e pulmonares e as persoas maiores.