O Breogán destápase no 3º cuarto e tumba ao colíder no Pazo (81-79)
O Unicaja mandaba ao descanso (34-42), pero a reacción dos de Casimiro no 3º foi chave
O Breogán deu a sorpresa no Pazo diante dun Unicaja que saíu de Lugo coa súa quinta derrota da temporada. Máis aló do 4-0 inicial, o Breogán mantívose no partido no primeiro parcial, sobre todo grazas a un 8-0 con dúas triplas de Hilliard, que lle permitiu colocarse con vantaxe de 17-15.
O marcador mantívose igualada no segundo cuarto, pero aí o equipo galego xa non foi quen de poñerse con vantaxe en ningún momento. O 17-22 deste período permitiulle aos malagueños ir ao vestiario con vantaxe de 8 puntos (34-42). Grant mantivo ao seu equipo con 7 puntos neste cuarto.
Todo mudou no comezo do terceiro período, cun parcial 13-2 a prol dos locais que lles permitía volverse colocar por diante, 45-44, logo de tres minutos de xogo. O parcial medrou ata o 22-6, que lles daba aos lugueses unha renda de 6 puntos. Pero os malagueños levantáronse outra vez no treito final para equilibrar o marcador. Iso si, rematou con vantaxe do Breogán (62-61).
O último período viviu un intercambio de anotación que o Breogán sostivo a base de triplas (de Mavra e Kurucs) Respondía Tillie para empatar a 70 a falta de 6 minutos. E Kravish colocaba por diante a Unicaja outra vez. E xa nos últimos dous minutos, Hilliard escollía o momento para anotar a súa terceira tripla para empatar a 78, e Vila castigaba a perda dos malagueños con outra.
No minuto decisivo os lugueses estiveron máis atinados, e acabaron levando o importante triunfo grazas a un rebote de Atic a sete segundos da conclusión. Oitava vitoria do Breogán na temporada, e sexta desde a chegada de Luis Casimiro (11 partidos), comandado por un Vila espectacular con 21 puntos e 25 de valoración. No Unicaja, Perry quedou en 13 puntos.