O Breogán pousa os ollos no escolta serbio Aleksandar Aranitovic
O Breogán pousa os ollos no escolta serbio Aleksandar Aranitovic
Fixo unha media de 15,6 puntos na última temporada do Cibona
O Breogán segue a construír un equipo competitivo para a vindeira temporada. Logo da fichaxe dun canoneiro como Moore para a posición de base, pousou os ollos no escolta serbio Aleksandar Aranitovic (26 anos, 195 centímetros). Os números que asinou a temporada pasada na Liga Adriática falan dun xogador con moi boa man e con capacidade para anotar (15,6 puntos na Liga Adriática cun 37,2 % no lanzamento de tres).
Aranitovic pasou polos equipos grandes de Serbia. Comezou polo Estrela Vermella, logo estivo no Partizan de Belgrado (2017-19) antes de marchar a Francia, onde xogou no Blois, e a Lituania (Alytus Wolves).
Volveu en 2022 a Croacia para xogar no Cibona, onde despregou o mellor baloncesto da súa carreira. Tanto é así que o Breogán está a piques de recrutalo para a Liga ACB e que o propio Partizan tamén o ten na súa axenda no caso de que se confirme a saída de Punter.