Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Burela ascende á Primeira División de Fútbol Sala

O Burela ascende á Primeira División de Fútbol Sala

Venceu nos penaltis e certificou o ascenso

G24.gal 15/06/2024 20:43 Última actualización 15/06/2024 23:16

O Pescados Rubén Burela consolidou o seu ascenso á primeira categoría do fútbol sala nacional tras vencer esta tarde ante o Antequera por penaltis, tras un resultado no tempo regulamentario de 5-5. 

Os locais comezaron adiantándose da man de Isma López aos doce minutos de partido e cando estaban a apertar máis. O pavillón de Vista Alegre estaba cheo a rebordar e estalou de ledicia co gol dos seus imaxinándose xa ascendidos. Poucos minutos despois apareceu Cobarro para poñer as táboas no marcador e silenciar á afección burelá. Cando xa estaba a achegarse o descanso e parecía que o resultado marcharía así, apareceu Isma para cruzar un gran golpeo raso que adiantou de novo aos locais e, poucos minutos despois, "Albertito" Mirás apareceu nun saque de curruncho para poñer o 3-1 co que pechou a primeira metade. 

Á volta dos vestiarios o Burela mantivo a mesma intensidade coa que finalizou a primeira. Así chegou o cuarto gol metendo presión en campo contrario para roubar o balón e poñer aínda máis terra de por medio. Malia todo, non sería terra dabondo, porque cando aínda restaban quince minutos para o final o Antequera marcou dous goles no mesmo minuto (Kiko e Nando) e cambiou a cara do partido. Os locais estaban desorganizados e desorientados tras recibir dous golpes cos que non contaban. A claridade coa que antes se creaba en ataque e se resolvía en defensa desaparecera, e parecía que os visitantes eran máis perigosos. Con este contexto chegou o empate do Antequera, nunha especie de centro-chute dende o costado dereito que rematou envelenándose para tocar a rede local. 

Á forza tivo que espelir o Burela e comezou a imprimir un ritmo máis cando se viu 4-4 no marcador. A base de buscar a meta rival os locais conseguiron forzar unha sexta falta que lles deu uns sete metros para poñerse por diante outra vez no partido a falta de cinco minutos. Con ese gol os locais pasaron a meterse atrás e aguantar o resultado, o que lle deu moito espazo a un Antequera que, despois dunha ocasión clara que marchaba moi preto da portería dos laranxas, volvía a poñer o empate grazas a un bo golpeo de Leandrinho. As pernas comezaban a fallar nestes intres finais e ambos equipos foron perdendo claridade pouco a pouco. Ningún foi quen de anotar outro tanto e o partido marchou á prórroga.

Os dous conxuntos seguían fisicamente fundidos, pero o ímpeto co que se afronta unha prórroga para ascender á Liga Nacional de Fútbol Sala pode dar algo de aire. Así é que na mesma primeira xogada o Burela comezou apertando e indo arriba. O Antequera tampouco tiña pánico escénico, e buscaba as súas da maneira que fose. Nos últimos intres o Antequera botouse arriba co que puido e chegou a introducir un porteiro-xogador para conseguir a vitoria, mais sen éxito. O partido ía aos penaltis. 

A quenda de penaltis foi á morte súbita despois de erros en ambos conxuntos. O Burela parecía perder co erro de Riquelme pero o árbitro asubiou que o porteiro do Antequera se adiantara e na súa segunda oportundade non fallou. Xustamente despois deste intento serían os visitantes quen fallaron e Lucho anotou o seu tanto para certificar a vitoria.

O Burela será equipo da Primeira División do fútbol sala nacional. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar