O Burela xogará a final polo ascenso á LNFS
O Burela xogará a final polo ascenso á LNFS
Eliminou o Sala 10 Zaragoza ao gañar o partido decisivo como local (5-2)
Enfrontarase ao Alzira, que deixou na cuneta o Parrulo (0-1 no terceiro encontro)
O Burela Pescados Rubén xogará a final polo ascenso á LNFS logo de derrotar no terceiro e derradeiro partido o Sala 10 Zaragoza (5-2). Pola contra, o Parrulo de Ferrol perdeu na Malata ante o Alzira (0-1) e quedou fóra desa final.
O Burela, segundo clasificado na liga regular, fixo boa a vantaxe de campo e gañou con claridade ao equipo aragonés. Ao descanso gañaba por 2-1 con goles de Nando e Alberto. Na segunda metade sentenciou grazas ao acerto do propio Nando e David Pazos. Nos últimos segundos ambos os dous equipos marcaron e o resultado quedou cun 5-2.
Non tivo sorte o Parrulo, que forzara o terceiro partido cun triunfo en terras valencianas. Pero o Alzira volveu gañar na Malata, igual que no primeiro partido. Chegoulle cun solitario gol de Sena no minuto 33 para levar a eliminatoria.
Burela e Alzira xogarán a final que decidirá o equipo que sobe á máxima categoría do fútbol sala español. Os galegos volverán ter a vantaxe de campo.