O Celta Fortuna mantense a un punto do líder na 1.ª RFEF
O Celta Fortuna mantense a un punto do líder na 1.ª RFEF
Máxima igualdade cos cinco primeiros, separados por dous puntos
O Lugo perde o paso logo de fallar ante outro equipo da zona alta
Malia a vitoria, o Deportivo segue afastado dos postos de play-off
O Celta Fortuna aproxímase de novo á primeira praza tras derrotar a Unionistas en Barreiro. 2-1 para os de Claudio Giráldez nun partido en que volveu destacar Hugo Álvarez, autor do primeiro gol. O Celta B, que viña de perder co Sestao, sufriu particularmente na segunda metade para reter os tres puntos, sobre todo tras a expulsión de Javi Domínguez a vinte minutos do final. O filial celeste é terceiro con 24 puntos.
Na primeira praza, un punto por riba do Celta Fortuna, está a Cultural Leonesa que esta fin de semana sumou tres puntos de ouro no Anxo Carro. A Cultural, que foi mellor na segunda metade, sacou proveito dos erros dos locais. Escudero, ex-xogador do Compostela, fixo dobrete. Outro ex do Compostela, o sadense Bicho, asinou o terceiro. Willy Ledesma foi expulsado por unha agresión a un rival. É a segunda vez que ve o vermello esta temporada.
O Deportivo gañoulle ao Logroñes por dous goles a cero e selou a segunda vitoria da temporada na casa. Pablo Martínez volveu marcar en Riazor. Con ese primeiro gol os coruñeses encarrilaron o encontro ante un rival que non opuxo demasiada resistencia. Volveuse ver a Lucas Pérez moi activo durante todo o duelo. Dunha combinación entre o de Monelos e Davo naceu o segundo gol. O Deportivo respira tranquilo tras caer en Irún.
O Arenteiro regresou do campo do filial da Real Sociedade cun punto que reforza o equipo. Os de Javi Rey remontaron un 2-0 grazas aos goles de Chacón, cada vez con máis peso no grupo, e Manín. O Arenteiro mellora as súas prestacións a domicilio, un dos asuntos pendentes no que levamos de temporada.