O Centro de Investigación de Rozas, acollerá os primeiros simuladores U-Space da UE
O Centro de Investigación de Rozas, acollerá os primeiros simuladores U-Space da UE
Pretenden emular a futura convivencia do tráfico aéreo tradicional e o tripulado, cos voos cada vez máis numerosos dos drons
Algo similar ao que poden ver no Fly radar para os voos comerciais, pero é unha simulación, estariamos en 2028 e os amarelos serían aerotaxis, sen tripulación. O obxectivo fundamental dos simuladores como os que hoxe se instalan en Rozas, en Outeiro de Rei, é probar con seguridade a futura convivencia entre o factor humano do tráfico aéreo convencional, e a xestión automatizada dos drons.
"É un dos grandes retos que temos agora mesmo, como imos integrar a mobilidade aérea no contorno urbano con dispositivos que non van ir tripulados. É unha grande aposta que estamos facendo a nivel de país, a especialización neste tipo de tráfico, aproveitando que temos líderes industriais en España que son quen de ofrecer as mellores solucións", explica Javier Ponce, director Xeral do CDTI do Ministerio de Ciencia.
Os prototipos dos simuladores U-Space, deseñados polas concesionarias Indra e Boieng, entregáronos este mediodía en Galicia os responsables do Centro de Desenvolvemento de Tecnoloxía e Innovación do Ministerio de Ciencia.
"Isto é unha realidade grazas ao talento e a capacidade tecnolóxica que está demostrando Galicia e o seu ecosistema, tanto industrial como de innovación. Dúas empresas como Indra e como Boieng foron quen de desenvolver este simulador a través da colaboración con centros tecnolóxicos de universidades", dixo Francisco Conde, vicepresidente primeiro da Xunta e Conselleiro de Industria.
Os simuladores permiten anticipar escenarios complexos sen arriscar en seguridade e proverán de datos que axudarán a acelerar a regulación do sector.