O ciclón tropical "Freddy" deixa máis de 400 vítimas mortais en Malawi
O ciclón tropical "Freddy" deixa máis de 400 vítimas mortais en Malawi
Case 300 persoas permanecen en paradoiro descoñecido dende a súa chegada o domingo pasado
O número de persoas falecidas en Malawi por mor do impacto o domingo pasado do ciclón tropical Freddy ascende a 438.
"O número de persoas mortas subiu de 326 a 438, con 918 feridas e 282 en paradoiro descoñecido", informa o Departamento de Asuntos de Xestión de Desastres do país (DODMA).
As novas cifras sitúan o número total de vítimas mortais en África austral en máis de 530, despois de que o ciclón golpeara repetidamente nas últimas semanas Madagascar e Mozambique.
Segundo o DODMA, os asolagamentos, os fortes ventos e os corrementos de terra forzaron o desprazamento de máis de 345.000 persoas.
A urbe de Blantyre, capital comercial e segunda cidade do país, foi un dos lugares máis afectados, ao rexistrar polo menos 98 das persoas falecidas.
O fenómeno levou a declarar o "estado de desastre" o presidente malawí, Lazarus Chakwera, que decretou este xoves catorce días de duelo nacional para "honrar as vidas perdidas polo ciclón Freddy".
O máis duradeiro
Está considerado un dos ciclóns máis duradeiros e cunha traxectoria máis longa das últimas décadas. Dende que se formou no norte de Australia o 4 de febreiro, atravesou todo o océano Índico ata África austral e percorreu máis de 10.000 quilómetros.
O ciclón impactou por primeira vez o 21 de febreiro na costa oriental de Madagascar e regresou o 5 de marzo á illa, onde deixou un total de 17 vítimas mortas e 300.000 persoas afectadas.
En Mozambique, o ciclón, que tivo o seu primeiro contacto o 24 de febreiro e tocou terra de novo a finais da semana pasada, causou polo menos 80 falecementos.
Segundo informou a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), Freddy podería bater a marca do furacán-tifón John, que durou 31 días no ano 1994.