Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Clúster da Función Loxística ve "moi importante" a chegada dos Avril e lamenta o atraso na posta en marcha

O Clúster da Función Loxística ve "moi importante" a chegada dos Avril e lamenta o atraso na posta en marcha

O xerente do clúster, Iago Domínguez, cre que o plan de Goberno sobre o corredor atlántico "só busca chegar aos mínimos que marca Europa na conectividade ferroviaria"

Domínguez considera que Galicia debe aspirar a que o transporte de mercadorías por tren represente un 8 % dentro de dez anos, o dobre que agora

Afirma que "hai moitas cousas que facer" nas conexións con Portugal e avoga por unha actuación conxunta para modernizar esa infraestrutura

G24.gal 21/05/2024 10:54

O xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia, Iago Domínguez, considera que a chegada dos trens Avril desde este martes a Galicia "é un avance moi importante na mellora da conectividade ferroviaria de pasaxeiros e un avance que chega con moitos anos de atraso e que non chega completa. Imos ter moi pouquiñas conexións que se irán incrementando pouquiño a pouco, pero é certo que é unha mellora que favorece, sobre todo, a cidade de Vigo (merecida mellora, ademais, que se valora positivamente), e como un paso máis na mellora ferroviaria de Galicia". Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

Sobre os anunciados plans do Goberno de aumentar o investimento nos próximos anos para impulsar o Corredor Atlántico de mercadorías, Iago Domínguez sinala que desde o Clúster da Función Loxística están á espera de coñecer máis detalles dese proxecto.

"Parécenos, polo que imos vendo, que non vai acabar de convencernos demasiado. Á vista do documento que temos visto, semella que só buscan [o Goberno] chegar aos mínimos que nos marca Europa na conectividade ferroviaria. Se falamos de gañar competitividade como territorio, os mínimos non son suficientes. Temos que aspirar a moito máis. Estamos á expectativa, esperando coñecer o detalle do documento, e a partir de aí valorar máis, pero xa a pouca información que temos non apunta de todo satisfactoria", di Iago Domínguez.

Considera que "hai que facer unha planificación intensa para os próximos anos de mellora de infraestrutura. Cando falamos de transporte de mercadorías, o 80 % do custo de fretar un tren ten un custo fixo e o 20 % restante depende do tamaño do tren. Que quere dicir isto? Que fretar un tren de 200 ou 300 metros vale 80 e fretar un tren do triplo de tamaño vale como moito 100. Aquí o que hai que facer é facilitar o incremento do tamaño dos trens, en metros e de capacidade de arrastre das súas locomotoras porque as pendentes afectan moito aos trens. Que temos que facer? Mellorar o trazado, e son actuacións que levan moitos anos e hai que planificalas e hai que empezar xa a nivel de proxecto, e o tamaño dos trens para que se permita que non só vaian máis longos senón de maior volume. Aí radican os dous principais retos para o ferrocarril de mercadorías do noso país".

O xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia recoñece que "agora estamos falando dun transporte ferroviario de mercadorías moi residual en Galicia e en España. Desde o Clúster da Función Loxística de Galicia imos intentar axudar nese sentido para coordinar empresas entre si para aproveitar sinerxías porque un tren é moi grande e, ás veces, unha empresa soa non é capaz de poñer un tren en marcha e imos intentar xuntar dúas, tres, catro empresas que permitan facer ese tren economicamente viable tanto no percorrido de ida coma de volta e despois temos que incrementar frecuencias e facer que un pouquiño dese tráfico que está indo totalmente por estrada poida subir ao tren. En todo caso, o transporte por estrada vai seguir sendo o principal transporte terrestre con moitísima diferenza pero se entre un 1 % e un 4 % das mercadorías ferroviarias que pasan agora, nos próximos dez anos podemos aspirar a duplicalo para que está en arredor dun 5 %-8 % sería un grande avance".

Iago Domínguez indica que "son moitos e moi variados [os sectores interesados no corredor atlántico]. En Galicia somos un país industrial e comercialmente relevante e estamos chamados a ter o mellor dos transportes para poder evolucionar, pero neste momento o transporte ferroviario é o que máis lastra ese desenvolvemento".

Sobre a reunión do xoves en Lisboa entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de Infraestruturas de Portugal, valora que "hai moita marxe para a mellora porque Portugal é o noso principal país en mercado internacional e ese fluxo de comercio estase facendo fundamentalmente por estrada".

Afirma que hai "un déficit na infraestrutura [ferroviaria] e un déficit nos servizos. O que poden tocar os estados é a parte da infraestrutura e aí hai moito que mellorar porque hai treitos nos que a electrificación non está operativa e hai que mellorar o trazado e os servizos. Non hai que esquecer que en Vigo os trens teñen que dar marcha atrás ata Redondela para chegar a Portugal. Inda por riba por unha vía moi saturada. Hai moitas cousas que facer".

Sobre a potenciación do tren nos próximos anos, Iago Domínguez di que "a opinión da Unión Europea e das institucións europeas é moi clara. Desde logo o tren é con moito o medio de transporte con menor impacto ambiental e, en xeral, todas as políticas europeas están encamiñadas a unha redución do impacto ambiental, tanto na fabricación coma nos transportes. Un tren eléctrico que hoxe Adif está empregando electricidade procedente de enerxías renovables, o seu grao de emisións é practicamente nulo. Evidentemente é moi máis eficiente. Mesmo os trens diésel teñen menores emisións por tonelada que calquera outro modo de transporte. Teñen a postura totalmente clara e, por iso, activan os corredores, as redes transeuropeas de transporte, todo encamiñado a unha mellora da sostibilidade. Que pasa? Necesitamos compromiso dos gobernos nacionais porque Europa obriga, dá pistas, pero a execución final e a maior parte dos orzamentos teñen que ser postos polos gobernos nacionais. Só Europa non o vai facer".

O xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia subliña que "no noroeste, a sensación é que nos últimos anos estamos máis vendo o de chegar a mínimos e a mínima planificación e investimento posible e non nos está dando a sensación de que haxa unha implicación real de mellorar no curto prazo. Levábamos anos esperando polos trens Avril. Tamén levamos anos esperando por este plan director [do Corredor Atlántico]"

Sobre o mal estado dalgunhas estradas e a súa influencia para o transporte de mercadorías, Iago Domínguez admite que "empeza a ser un problema porque as capas de rodadura das principais autovías que nos conectan co resto de España teñen un firme que está nun estado lamentable. É incrible o nivel de fochancas no lado dereito do treito entre Guísamo e Arteixo. Esa mesma A-6 nas zonas de montaña e en determinados treitos ao longo da provincia de Lugo ten puntos nos que tamén está mal. Se falamos da A-52 entre Vigo e Ourense e a zona da Gudiña, estaban moi mal ese firme e empezaron recentemente cunha mellora do mesmo, pero é un problema real porque ao final afecta tanto a seguridade coma o custo e o tempo de desprazamento e non temos unha alternativa neste momento. É o único modo de transporte que estamos a empregar os galegos para conectarnos co resto de España, practicamente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade