Bruxelas pide información "detallada" ao Goberno sobre a lei de amnistía
Bruxelas pide información "detallada" ao Goberno sobre a lei de amnistía
O Goberno di que informará da lei cando se rexistre no Parlamento
O comisario europeo de Xustiza Didier Reynders pediu información "detallada" ao Goberno en funcións sobre a lei de amnistía que están a negociar o PSOE e Junts para posibilitar a investidura de Pedro Sánchez e sobre a que considera que existen "serias preocupacións".
"Agradeceríalle que me facilitase información máis detallada, en particular sobre o alcance persoal, material e temporal desta lei prevista", escribiu Reynders nunha carta dirixida aos ministros da Presidencia en funcións Félix Bolaños e de Xustiza Pilar Llop.
"A Comisión seguirá co seu labor monitorizando e defendendo os valores fundamentais da Unión en todos os Estados membros e continuará traballando coas autoridades españolas para garantir o respecto ao Estado de dereito", conclúe a carta.
"Aínda que polo momento non existe ningunha proposta formal, isto converteuse nun tema de considerable importancia no debate público e un gran número de cidadáns puxéronse en contacto coa Comisión con respecto a este tema", indicou.
Reynders comezou a misiva lembrando que a situación do Consello Xeral do Poder Xudicial co mandato caducado pola incapacidade para chegar a un acordo sobre os seus novos vocais "é unha cuestión que vén de lonxe" e "que esperta serias preocupacións" para a Comisión, que pediu "solucións en varias ocasións", segundo reiterou.
O Goberno responde que a amnistía se tramita no Parlamento e dará explicacións cando se rexistre
O Goberno respondeu ao comisario europeo de Xustiza salientando que a lei se tramitará a través dos grupos parlamentarios nas Cortes Xerais, polo que lle dará explicacións no caso de que a proposición de lei se rexistre.
O ministro da Presidencia en funcións Félix Bolaños contestou tamén por carta ao comisario europeo que a cuestión que expón non corresponde "ao ámbito de decisión do Goberno de España", pois terá que "tramitarse e resolverse" nas Cortes Xerais.
"Con todo, coma sempre, estamos encantados de traballar conxuntamente coa Comisión Europea, informala de cantas cuestións desexen coñecer e, por suposto, facilitarlle toda a información que precise. Así traballamos sempre e así o seguiremos facendo", expón Bolaños.
"Neste sentido, calquera proposición de lei que poida rexistrarse no Congreso dos Deputados partirá dos grupos parlamentarios e non do Consello de Ministros", aclarou Bolaños, por estar o Goberno funcións.
Por outra banda, o ministro tamén agradeceu ao comisario europeo o seu interese polo bloqueo do Consello Xeral do Poder Xudicial porque se trata, segundo lembrou, "dun grave incumprimento" da Constitución por parte do PP, o primeiro partido da oposición.