O Compos refaise dos erros e gaña grazas ao balón parado
Vitoria para a Sociedade Deportiva Compostela contra o Real Avilés.
Na primeira parte, comezou o conxunto avilesino dominando e tendo os achegamentos máis claros. Porén, o primeiro en marcar foi o Compos logo dunha gran xogada colectiva que mellora Primo cun pase de calcaño e a definitiva apertura para que Parapar abrise o marcador.
A partir diso, os de Rodri Veiga deixáronse levar pola alegría e regalaron o empate. Primeiro Antas intentou un panenka dende os 11 metros e o porteiro rival adiviñoulle as intencións. Logo foi o Pato Guillén quen tivo un erro garrafal na saída de balón e permitiu a Natalio empatar o partido.
Pero lonxe de baixar os brazos a Esedé repúxose e na segunda parte, grazas a dúas boas xogadas a balón parado, tombaron a un rival que pelexaba con eles polos postos altos da táboa. Anotaron primeiro Baleato nunha falta lateral e logo Jordan á saída dende o curruncho.
Xa no 92 marcaría Prendes para meterlle o medo no corpo aos composteláns, que resistiron e levaron finalmente os 3 puntos.