O Coruxo cae no Vao con infortunio diante do Guijuelo (0-1)
O Coruxo cae no Vao con infortunio diante do Guijuelo (0-1)
Un autogol de Andriu decidiu un partido en que os vigueses mereceron máis
Os de David de Dios rematan a primeira volta no posto de play out
O Coruxo perdeu co Guijuelo no Vao, nun encontro decidido nunha acción illada que deixa os vigueses no posto de play out ao remate da primeira volta.
Na primeira metade houbo pouco que destacar. Os dous equipos xogaron con cautela, pisando pouco a área rival. Neste treito destacaron dous disparos afastados do Guijuelo. Os dous levaron a sinatura de Morales, que topou con Esteban.
Houbo que agardar ata os cinco últimos minutos para ver as accións máis perigosas do Coruxo. Primeiro unha pola banda esquerda, con centro de Añón que cabeceou Fer Martínez. E, xusto a seguir era o máximo goleador, Willy, o que disparaba desde lonxe, obrigando a empregarse a Johan Guzmán.
Malia a esas accións, o empate mantívose ata o descanso. Na continuación, os primeiros achegamentos foron locais, con remates de Álex Pérez e de Terranova. Pero o gol ía ser para o Guijuelo. Nunha falta centrada, cun centro que cabeceou Andriu coa mala fortuna de que entrou na porta de Esteban.
Co 0-1, e o Coruxo tocado, os salmantinos tiveron a grande ocasión para sentenciar, pero Borja Marchante impediu por dúas veces o remate de Morales e mantivo vivos aos seus, que acabaron buscando a igualada de todos os xeitos posibles. Willy e Álex Rey tiveron as últimas ocasións, pero non era o día dos vigueses, e si do Guijuelo, que acadou a súa primeira vitoria visitante e queda a 4 puntos do Coruxo, en posto de play out.