O Compostela aposta por recuperar a grandeza dos anos 90
O Compostela aposta por recuperar a grandeza dos anos 90
Carlangas deseña unha campaña para reconectar cos afeccionados e reactivar o "sentimento compostelanista"
O club quere encher Compostela de camisolas, bandeiras e bufandas do equipo
Case 30 anos despois do momento que marcou a cidade, unha nova xeración de composteláns busca reconectar co afeccionado. Da cabeza de Carlangas, picheleiro de corazón, saíu a idea. Unha campaña para devolverlle ao Compos a grandeza dos anos 90.
"A campaña está pensada sobre todo para eses rapaces que naceron no 2000 e que descoñecen que en San Lázaro lles pintabamos a cara ao Barcelona e ao real Madrid", explica Carlangas.
Carlangas converteu os xogadores e mais o presidente daquel momento en iconas pop. O Compostela do ascenso simboliza non só unha época, senón algo máis grande: un sentimento.
"Hai algo mellor que o fútbol e que o Compos, que é ser do Compos", di Carlangas. "Un equipo que estivo en Primeira catro temporadas e conseguiu grandes cousas sempre conserva ese espírito", afirma Javier Bellido, ex-xogador do Compostela.
O club reuniu en diferentes espazos a moitos daqueles protagonistas. A Chuco Barreiro, mítico encargado do material. "Para min o Compostela é a miña vida, a miña familia", asegura. Ou a José María Caneda, expresidente da entidade. "Sempre dixen que eu viña non para quedar en Terceira senón para subir a Primeira División", recorda.
Tampouco podía faltar quen narrou o partido do ascenso ante o Raio en 1994, Manuel Pampín. "De súpeto, ascende o Compos. Hai que vivilo para sentilo. É o recordo máis grato que teño da miña etapa nos deportes da TVG", explica.
O obxectivo é encher Compostela coas bufandas, camisolas e pósters da campaña. Para que a cidade se reenganche con este sentimento que, como di Carlangas, vai moito máis alá dos logros deportivos.