O concello de Boqueixón organiza visitas guiadas á cova do Pico Sacro
O concello de Boqueixón organiza visitas guiadas á cova do Pico Sacro
A cova, duns cen metros de lonxitude, ten unha grande importancia xeolóxica
Especialistas da Federación Galega de Espeleoloxía participan nas visitas
Diríxense ás entrañas do Pico Sacro. Para algúns é a primeira vez que se adentran nunha cova.
"É a miña primeira vez, o importante é pasalo ben e non ter ningún percance", di un dos participantes na visita.
Especialistas da Federación Galega de Espeleoloxía acompañan o grupo no seu percorrido, unha hora de visita que inclúe un descenso vertical duns 20 metros. Baixar ata aquí é internarse no punto xeolóxico de formación de Galicia.
"Como singularidade atópase nun dique de seixo que pecha a unión de dúas placas tectónicas, que son as que formaron Galicia", explica Marcos Vaqueiro, vicepresidente da Federación Galega de Espeleoloxía.
A cova explorouse por primeira vez no século XVII. Agora o concello e Boqueixón organiza visitas guiadas para grupos reducidos.
"Empezamos desde o pazo da Raíña Lupa e báixase ata o fondo da cavidade e cruzamos a outra cova, que é por onde saen os visitantes", explica Cruz Ferreiro, axente de Desenvolvemento Local do Concello de Boqueixón.
A do Pico Sacro é unha das 720 covas catalogadas ata o momento no Atlas Espeleolóxico de Galicia. Para quen queira vivir a experiencia, haberá dúas novas visitas guiadas o 6 e 23 de setembro.