O Concello de Lugo reforza a seguridade do San Froilán con cámaras
O Concello de Lugo reforza a seguridade do San Froilán con cámaras
Este ano vai reforzar con doce cámaras de videovixilancia, algunhas de infravermellos, que melloran a visión nocturna
Unha semana antes de que comecen as festas, o Concello de Lugo pecha o que chama plan de autoprotección.
Un dispositivo de seguridade para o San Froilán que este ano vai reforzar con doce cámaras de videovixilancia, algunhas de infravermellos, que melloran a visión nocturna.
Estarán situadas no feiral e nas zonas máis concorridas do centro histórico cun efecto, din no concello, disuasorio.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro explica que é "unha medida para aquelas persoas que veñan buscar lea. Non é o sitio axeitado porque os imos localizar. E tamén é unha seguridade para esas mulleres que poidan desprazarse soas pola noite".
As cámaras estarán conectadas a un centro de control móbil. As imaxes só poderán ser supervisadas, se é necesario, pola Policía Local.
A idea é acendelas nas horas e días de maior afluencia. O plan ten boa acollida entre os veciños que inciden na seguridade.
Un plan de autoprotección que involucra os taxistas e incrementará as quendas da Policía Local durante as festas. Para controlar o tráfico, a venda ambulante non autorizada e a protección cidadá.