O Concello de Riós comeza a realizar cortes de auga polas noites
O Concello de Riós comeza a realizar cortes de auga polas noites
A limitación na subminstración é de 23:30 a 07:30 horas e o Concello toma esta decisión pola drástica baixada do caudal no río Mente do que se abastecen
Os cortes afectan ademais de a Riós, ás Vendas da Barreira, a Marcelín, a Romariz e a Ferreiras, en total, uns 800 veciños
O concello de Ribadavia volve tamén aos cortes nocturnos
Intensifícanse os problemas de auga nos concellos da provincia de Ourense por por da seca e que afecta tanto os manaciais como aos niveis dos ríos dos que moitos se abastecen.
Desde onte pola noite o Concello de Riós comezou cos cortes de subministración nocturnos.
A veciñanza de Riós comeza o primeiro día tras os cortes na subministración da auga, desde as once e media da noite ata as sete e media da mañá. Tómano con resignación e entenden a decisión do Concello ante a escaseza da auga por mor da seca deste ano.
"Estábase esperando porque coa seca que hai tiñamos que ser conscientes do que hai", di unha veciña da aldea de Marcelín.
"Tamén temos que ser comprensivos, se non hai, non hai", asegura outro veciño de Riós.
Ademais da capitalidade municipal, os cortes afectan a outros catro núcleos de poboación, entre eles Marcelín. En total son uns 800 veciños os afectados.
Así está hoxe o caudal do río Mente onde está a captación de auga para a abastecemento. Desde o Concello din que o nivel baixou moito nas últimas semanas e por iso tiveron que tomar esta medida porque a auga xa non chega.
"Xa se vía polas circunstancias que os cortes ían chegar a todos os lados. Eu xa tiña andado polo río e xa non queda auga no río", afirma outro veciño de Riós.
Desde o Concello, a alcaldesa pídelle á veciñanza que apliquen medidas de aforro e un consumo responsable.
"Sen regar as hortas, sen lavar os coches e sen regar o céspede que hai verdes ao lado das casas", di un veciño.
"Aquí moi conscientes da falta de auga non somos porque como a temos sempre... Pero haberá que tomar medidas e se hai que aforrar haberá que mentalizarse", apunta a dona do bar Daniel de Riós.
Tamén hoxe en Ribadavia tiveron que volver aos cortes de auga nocturnos ante a falta de chuvias e o consumo excesivo estes días. Os cortes serán de doce da noite ás oito da mañá. E mentres seguen enchendo o depósito con camións cisterna con auga do río Avia. Seguen avanzando a bo ritmo as obras para a nova captación de auga no río Avia.
Ademais seguen os problemas e cortes na subministración na auga da traída en aldeas de Muíños, Castro Caldelas, Vilar de Barrio, San Xoán de Río ou Toén.