O condutor do bus accidentado en Cerdedo-Cotobade declarará o 9 de novembro
O condutor do bus accidentado en Cerdedo-Cotobade declarará o 9 de novembro
No sinistro que se rexistrou na Noiteboa de 2022 faleceron sete pasaxeiros
Está acusado de sete delitos de homicidio por imprudencia
O Xulgado 1 de Pontevedra é o que instrúe a causa
O condutor do bus accidentado na Noiteboa de 2022 en Cerdedo-Cotobade en que morreron sete persoas está citado a declarar o próximo 9 de novembro perante o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra. Está investigado por sete delitos de homicidio por imprudencia.
O accidente rexistrouse na noite do 24 de decembro de 2022. O bus saíu da estrada no viaduto de Pedre e precipitouse por unha altura de case 30 metros ata caer ao río Lérez. No sinistro faleceron sete pasaxeiros e só houbo dous sobreviventes, o propio condutor e unha muller.
Os informes periciais elaborados pola Garda Civil que se atopan en posesión das partes apuntan a un exceso de velocidade como causa do accidente, aínda que tamén, segundo fontes consultadas, sinalan as condicións meteorolóxicas daquela noite, na que toda Galicia estaba baixo a influencia dunha borrasca que deixou intensas precipitacións.
A defensa do condutor sostén que as conclusións do informe da Garda Civil non determinan con exactitude que a velocidade foi o motivo polo que perdeu o control do autobús, xa que non se precisa a que velocidade pasou a curva previa á entrada na ponte onde se precipitou ao baleiro.
Lembra que o tacógrafo non foi recuperado e que, por tanto, "é imposible" saber con "exactitude" a que velocidade ía un condutor "con ampla experiencia" e que "coñecía á perfección o trazado", polo que manteñen que o 'aquaplanning' e o estado de conservación "deficitario" da vía foron os factores que determinaron o tráxico suceso.
Pola súa banda, a Asociación Galega de Transporte de Viaxeiros por Estrada (Galibus) está presentada na causa como acusación popular para esclarecer se o autobús cumpría cos requisitos establecidos na adxudicación do lote á empresa Monbus, segundo explicou o seu presidente, Ramón Peillet.