O Congreso abre a vía para ampliar a prisión permanente revisable
O Congreso abre a vía para ampliar a prisión permanente revisable
Ampliación a supostos de ocultación de cadáver e reincidencia
O Congreso abre a vía para ampliar a prisión permanente revisable aos asasinos que oculten un cadáver e aos presos que volvan matar tras saír do cárcere. O apoio socialista permitirá tramitar a proposta de PP, Ciudadanos e Grupo Mixto, aínda que PSOE advertiu que a emendará no trámite parlamentario.
Ante familiares de varias vítimas, representantes do PP, Ciudadanos e Grupo Mixto defenderon que se aplique a prisión permanente revisable aos supostos de ocultación de cadáver e reincidencia.
"É o momento de actuar e cambiar o código penal para que os xuíces e tribunais poidan dar a resposta suficiente ante casos como os de Marta del Castillo, Diana Quer e Marta Calvo", argumentou Macarena Montesinos do Partido Popular. "Non podemos borrar os feitos que sucederon e padeceron elas e as súas familias, pero podemos poñer todos os medios para que estes feitos non se repliquen noutra familias e amigos".
Edmundo Bal, de Ciudadanos, dixo: "As persoas que están na tribuna non queren que lle volva suceder a ninguén, e mañá podería pasarlle a calquera de nós".
Unidas Podemos mantivo ata o último momento a dúbida sobre o seu voto. Finalmente votou en contra: "Estamos a favor de poñer todo o noso esforzo para garantir os dereitos das vítimas, pero non imos contribuír a que capitalice a súa dor ningún proxecto político", declarou Ismael Cortés.
O PSOE coincidiu nesta idea, pero optou por votar a favor da proposta por razóns que explicou Francisco Aranda: "Pese a un intento de ocupar un espazo e un protagonismo que non lles corresponde, pese a inclinar a balanza lexislativa a posicionamentos que non nos parecen os máis axeitados para este debate, polas familias, non por vostedes señores da dereita, o noso grupo vai votar favorablemente a esta tramitación".
Pero anunciaron emendas para modificar o proxecto de lei durante o trámite parlamentario.