Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vox defende unha moción "útil" e Sánchez acusa a Tamames de "branquear os herdeiros de Blas Piñar"

Vox defende unha moción "útil" e Sánchez acusa a Tamames de "branquear os herdeiros de Blas Piñar"

Tamames, a Sánchez: "O seu Goberno non respecta a división de poderes"

Sánchez arremete contra o "odio" de Vox, di que son "o glutamato da dereita" e sostén que a abstención do PP nesta moción será "un pago en diferido" aos de Abascal

O líder de Vox di que Sánchez é un produto "caducado", afirma que "sobran os motivos para a moción de censura" e pídelle ao PP: "Votemos xuntos hoxe e entendámonos mañá"

Tamames e Sánchez no Congreso, durante o debate da moción de censura (EFE J.Guillen)
G24.gal 20/03/2023 17:52 Última actualización 21/03/2023 20:14

O Congreso dos Deputados debate este martes a segunda moción de censura de Vox ao Goberno de coalición de Pedro Sánchez na lexislatura. Como a primeira, non prosperará. Preséntaa o mesmo partido pero con distinto candidato. O encargado de defendela será o economista de 89 anos Ramón Tamames.

A sesión arrancou ás 9:00 coa intervención do líder de Vox. Santiago Abascal afeou aos grupos que se mofasen desta moción de censura e pediu "perdón" por esta moción que os grupos cualificaron de "circo, esperpento e disparate". Di Abascal que isto é algo "moi serio", aínda que leven días tentando ridiculizalo e que "sobran os motivos para esta moción de censura". E pregúntase: "Se isto é un circo, un disparate e un esperpento, como se chama o seu?".

O líder de Vox xustificou no hemiciclo a presentación desta moción de censura. Asegura que Sánchez é un "produto caducado e en descomposición". Coa moción, afirma, pretende amosar aos españois "o nivel de podremia" do executivo.

O líder de Vox, Santiago Abascal

Abascal, ao PP: "Votemos xuntos hoxe e entendámonos mañá para ofrecer a España unha alternativa sólida".

Na súa alocución, Abascal criticou o PP e o líder da oposición Alberto Núñez Feijóo por non asistir hoxe ao debate desta moción de censura no Congreso e por desacreditala nos medios de comunicación. Abascal pide ao PP "que recupere a sensatez e a seriedade", que abandone "cálculos, medos e medias verdades" e que apoie esta moción de censura para facer "borrón e conta nova" a acabar "co peor Goberno en décadas".

Na súa alocución, Abascal referiuse ao caso Mediador e criticou o executivo pola aprobación da lei do só si é si. Asegura: "Cando un deses monstros que saen á rúa polo si é si ataque outra muller, vostedes serán os responsables". Promete que se goberna derrogará todas as leis que saíron do Ministerio de Igualdade, porque, ao seu xuízo, "denigran a muller e borran toda a súa natureza".

Sánchez acusa a Vox de aportar un "plus de brutalidade" á política española

Tras Abascal, tomou a palabra o presidente do Goberno Pedro Sánchez. Critica que se "agoche" tras a figura do candidato da moción Ramón Tamames. Sánchez acusa a Abascal de "anunciar a apocalipse" e de montar un "show parlamentario".

Asegura que o único que achega Vox á política española é "un plus de brutalidade". Criticou a súa postura durante a pandemia e os ataques ao movemento feminista. Ínstao a pedir perdón ás ministras de Unidas Podemos, Irene Montero e Ione Belarra, ás que chamou "tolas" e esíxelle que retire inmediatamente os insultos que verteu contra elas.

Sánchez, a Vox: "Son o glutamato da dereita, un simple potenciador do sabor extremo e radical". 

Sánchez cualifica a moción de censura de "destrutiva" e de "terra queimada". Asegura que non está xustificada e pregúntase "cales son as razóns" para recorrer a este mecanismo. Cre que o que motiva aos de Abascal a rexistrala é "frear por calquera medio as políticas de renovación do Goberno progresista".

O presidente afirma que o proxecto de país que defende Vox non é o que precisa España e acusa a este partido de ir "contra a convivencia entre españois".

Cre que a abstención do grupo popular nesta moción será "un pago en diferido" e advírtelles aos de Feijóo que "máis pronto que tarde a ultradereita virá a esixirlles un pago en diferido para saldar as débedas".

Sánchez e Abascal enrédanse cos casos de corrupción

Na réplica, Santiago Abascal pedíulle ao presidente do Goberno que "convoque eleccións o 28M e aforremos as de decembro". Sánchez afirma que hai unha "inmensa maioría dos españois que queren que España avance" e asegura que malia esforzos de Vox "non vai haber marchá atrás en España: nin o ditador regresará ao seu mausoleo nin a sociedade española vai renuncia a todo o logrado estes tres anos".

Abascal e Sánchez botáronse en cara os casos de corrupción que salpican a ambos partidos. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, afeou ao líder de Vox, Santiago Abascal, que poña "o berro no ceo por un garavanzo negro", en referencia ao exdeputado do PSOE Juan Fernando Fuentes Curbelo (coñecido como Tito Berni), un dos implicados no caso Mediador, cando "vostedes estiveron salpicando durante anos na pota da corrupción", polo "chiringuito" do que se beneficiou na Comunidade de Madrid durante o Goberno do 'popular' Ignacio González.

Santiago Abascal negou as acusacións. Díxolle a Sánchez que estivo máis preto da corrupción que el e pregúntase: "De que partido é vostede?"

Intervén o candidato Ramón Tamames

Tras a réplica, contrarréplica e un breve receso, contra as 11:40 minutos retomouse no Congreso  a sesión coa intervención do candidato, o economista Ramón Tamames, de 89 anos. Intervén sentado, desde o escano de Abascal, tal e como pediu á presidenta da Cámara debido aos seus problemas de mobilidade.

Tamames comezou a súa alocución lembrando os anos nos que loitou pola liberdade desde a prisión de Carabanchel, onde foi recluído durante as revoltas estudantís de 1956. Agradeceu que Vox lle encomendara a responsabilidade de defender esta segunda moción de censura da lexislatura contra o Goberno de Pedro Sánchez. 

Referiuse ao executivo Sánchez como un "Goberno Frankestein" e acúsao de non respectar a división de poderes e de pactar cos que "ata hai moi pouco usaban a violencia para impoñer os seus criterios". Reprochoulle ao Goberno que teña "aversión" aos grandes empresarios. Falou dos "desequilibrios e contradicións" da economía española, do "descontrol xeneralizado do gasto público por parte do Goberno" e refírese aos traballadores fixos descontinuos como "parados disfrazados".

Ademais, o candidato á presidencia do Goberno na moción de censura presentada por Vox reprochoulle ao executivo o caso Mediado e cualificou de "inaceptable" que sexan precisos "tantos apoios" para que en Cataluña se imparta o 25 % do ensino nas escolas en castelán. Rematou a súa intervención asegurando que os problemas de España "teñen solución" e pregúntase: "Cando se fodeu España?"

Sánchez, a Tamames: "Esta non foi a mellor idea que tivo na súa vida"

Despois de 52 minutos de discurso, quenda para o presidente do Goberno. Pedro Sánchez, afeou ao profesor Ramón Tamames que aceptara a  oferta do partido de Santiago Abascal por ser os "herdeiros de Blas Piñar", o histórico dirixente de Fuerza Nueva.

En opinión de Pedro Sánchez, esta "non foi a mellor idea que tivo na súa vida". O xefe do executivo lamentou que coa súa intervención contribúa a "branquear" un partido que, segundo o presidente, rexeita a igualdade entre homes e mulleres, nega a evidencia científica do cambio climático, está coa antivacinación, penaliza aos inmigrantes e apoia a ilegalización dos partidos polas súas ideas. 

Tamames interrompe a Sánchez para reprocharlle un "tocho" de discurso

Tamames interrrompeu a intervención de Pedro Sánchez na quenda da súa réplica para reprocharlle a extensión do seu discurso ao que cualificou como un "tocho".

Despois de que Tamames defendese a súa candidatura durante máis de 50 minutos, o presidente do Goberno subiu á tribuna para contestarlle e sobre todo para incidirlle en materia económica, dada a súa longa experiencia nesta materia.

Minutos despois Tamames levantou o brazo para pedir intervir e afearlle que "o que non é procedente é que traia aquí un tocho de 20 folios preparados para falar de cousas que eu non dixen".

Durante uns segundos, co micrófono pechado, tentou falar tras recibir os aplausos de Vox pero a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, lembroulle que non pode intervir mentres o presidente do Goberno está no uso da palabra.

"Señor Tamames, señor candidato, o presidente está no uso da palabra", puntualizoulle Batet, ao que Sánchez engadiu posteriormente que estaba "a responder ás súas preguntas". 

Tamames reprocha a Sánchez que mente a Blas Piñar, ao que non coñece "ninguén"

Tamames reprochou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez que mencione o nome de Blas Piñar para criticar aos seus "sucesores" e asegurou que alguén "lle proporcionou o nome", porque o xefe do Executivo "é moi novo".

O profesor fixo esta aseveración durante a súa réplica ao xefe do Executivo, na que defendeu que se sae á rúa para preguntar quen é o fundador de Fuerza Nueva, "non o sabe nin o 0,001". "Ninguén sabe quen é Blas Piñar: ten que ser unha persoa con moi mala idea quen lle lembre ese nome", agregou.

Díaz repróchalle a Tamames que saltase do PCE a Vox

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, tomou a palabra na moción de censura de Vox contra Pedro Sánchez, despois das cinco intervencións do presidente do Goberno, criticando ao candidato, Ramón Tamames, pola viaxe ideolóxica que fixo desde o PCE ata acabar representando ao partido de Santiago Abascal. "É confuso", subliñou.

Díaz, que segue militando no Partido Comunista, sinalou que foi tamén grazas ao labor deste partido polo que España goza agora dunha democracia: "Chegamos ata aquí grazas tamén á loita dun partido do que vostede formaba parte e é confuso escoitarlle intervir sendo candidato de Vox".

Outra das críticas que fixo ao profesor Tamames é que non presentase un programa de Goberno como estipula o Regulamento do Congreso cando se presenta unha moción de censura. "Parece que vostede está a deteriorar a democracia, convertendo a moción de censura nunha moción destrutiva. Creo que non é correcto", subliñou.

O PP di que o debate reforza a súa posición como alternativa

Un dos grandes ausentes no debate foi o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo. Mentres se debatia a moción de censura, el participaba nun acto con embaixadores da UE na embaixada de Suecia en Madrid.

 

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijoo, nunha reunión na embaixada de Suecia mentres no Congreso se debatía a moción de censura O presidente do PP, Alberto Núñez Feijoo, nunha reunión na embaixada de Suecia mentres no Congreso se debatía a moción de censura

Fontes do PP aseguran que a moción de censura "ofreceunos un debate entre dous partidos, Vox e PSOE, contra o Partido Popular, que cada vez reforza máis a súa posición como alternativa que precisa os españois".

A xuízo dos populares, "as múltiples referencias de censurante e censurado ao Partido Popular e ao seu presidente Alberto Núñez Feijóo o único que reflicten é a súa gran debilidade e que carecen de proxectos serios e sensatos que ofrecer aos cidadáns".

Os populares afirman que "seguimos traballando para dar resposta aos problemas e preocupacións da maioría dos españois, que están ocupados e preocupados pola súa cesta da compra, a evolución real do emprego, o avance real da economía e a necesidade de abordar reformas serias en aspectos. tan importantes como a sanidade, a seguridade social ou a educación".

Segundo o PP "os problemas que teñen os españois esixen unha altura de visión e unha xenerosidade moi afastadas dos intereses partidistas que motivaron a celebración desta moción".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade