O Congreso aproba a lei trans, que recoñece a autodeterminación de xénero
O Congreso aproba a lei trans, que recoñece a autodeterminación de xénero
A exvicepresidenta do Goberno Carmen Calvo abstívose na votación: "Estou de acordo con que exista unha lei, pero non esta lei"
A maioría do Pleno do Congreso aprobou este xoves o proxecto de lei trans, que recoñece a autoderminación de xénero e desenvolve unha serie de medidas para garantir os dereitos das persoas LGTBI.
Con 188 votos a favor, 150 en contra e 7 abstencións, a futura lei chega así á recta final da súa tramitación parlamentaria, despois dunhas negociacións complicadas, primeiro no seo do Goberno, e posteriormente na Cámara Baixa, onde Unidas Podemos e PSOE mostraron as súas diferenzas en varios aspectos do texto.
A presidenta da Comisión de Igualdade e deputada socialista, e exvicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo abstívose nesta votación, aínda que o resto de deputados do PSOE apoiou a lei.
As discrepancias tamén se deron no seo do PSOE, de feito foi o motivo de que a exdeputada da Asemblea de Madrid Carla Antonelli abandonase o partido en sinal de protesta cando o grupo socialista pediu ampliar en varias ocasións o período de presentación de emendas, co que demorou a tramitación do texto.
Será o Senado o que reciba agora o proxecto de lei, que conta co rexeitamento de parte do movemento feminista porque teme que se traduza "nun borrado das mulleres", pero co visto e prace de organizacións como a Federación Estatal de Lesbianas Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuales e máis (Felgtbi+).
No debate do ditame do proxecto de lei, que tivo lugar este mércores, a ministra de Igualdade, Irene Montero, celebrou que o Congreso "peche armarios" e "abra portas e xanelas" cunha lei que conseguirá asegurar "vidas libres" ás persoas trans e LGTBI.
A libre determinación de xénero
O texto recoñece a vontade da persoa como único requisito para cambiar de sexo no rexistro e no caso dos menores de 16 anos e maiores de 14 terán que asistir cos seus pais ou titores. Só será necesaria a intervención dun xuíz para o cambio rexistral cando teñan menos de 14 anos e máis de 12.
Os menores de doce non poderán cambiar de sexo no rexistro, pero si o seu nome no DNI.
Prohibe as terapias de conversión, garante a lesbianas, bisexuais e ás persoas trans con capacidade de xestar o acceso a técnicas de reprodución asistida e recoñece a filiación de fillos de lesbianas e bisexuais sen necesidade de que estean casadas.
E, entre outras cousas, contempla unha Estratexia estatal para a inclusión social das persoas trans con medidas de acción positiva para este colectivo en diversos ámbitos como o laboral, o educativo ou de vivenda.
Desde a esquerda non houbo fisuras no apoio á norma, aínda que formacións como ERC e EH-Bildu lamentaron que non se deu o paso de recoñecer os dereitos das persoas non binarias ou de ampliar os dos migrantes.
Votaron en contra Partido Popular, Vox e Ciudadanos.
Carmen Calvo: "Estou de acordo con que exista unha lei, pero non esta lei"
A exvicepresidenta do Goberno Carmen Calvo explicou que se abstivo na votación polo contido da norma: "Estou de acordo con que exista unha lei, pero non esta lei".
Calvo fixo estas declaracións ao termo da votación. A exvicepresidenta mostrouse sempre moi crítica co contido desta lei, impulsada polo Ministerio de Igualdade e que sae adiante sen a emenda do PSOE que expuña que un xuíz autorizase o cambio de sexo rexistral nos menores de 16 anos.
"Votei nun día difícil a opción máis complexa, que é o que hai que facer", manifestou Calvo nos corredores do Congreso. Explicou que non pode coincidir co "non das dereitas que non están nunca para protexer estes colectivos", pero tampouco apoiar unha lei coa que discrepa.
"Asumo as consecuencias dos meus actos, sempre", respondeu cando se lle preguntou por unha posible sanción por romper a disciplina de voto.