Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso aproba a reforma para quitar o termo "diminuído" da Constitución

O Congreso aproba a reforma para quitar o termo "diminuído" da Constitución

A iniciativa impulsada por PP e PSOE só tivo en contra o voto de Vox

As entidades da discapacidade levaban décadas reclamando a reforma

Sánchez: "Todos gañamos cando somos capaces de acordar"

O pleno da cámara baixa aprobou a reforma constitucional logo dunha votación que se celebrou no Senado
G24.gal 18/01/2024 13:41 Última actualización 18/01/2024 18:51

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, co voto en contra de Vox, a reforma do artigo 49 da Constitución que substitúe o termo "diminuídos" polo de "persoas con discapacidade" e remítea ao Senado para a súa aprobación definitiva.

Tras a votación na cámara baixa -312 a favor e 32 en contra-, a iniciativa impulsada polo PP e o PSOE pasa á cámara alta sen incorporar ningunha emenda e podería aprobarse nun pleno extraordinario a próxima semana.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, celebrou o consenso alcanzado para reformar o artigo 49 da Constitución e eliminar o termo 'diminuídos' e resaltou que "todos gañamos cando somos capaces de acordar en aras da defensa do interese xeral".

Con todo, admitiu que a reforma chega "tarde" e pediu desculpas ás persoas con discapacidade ás que a Constitución se referiu durante "tantos anos" cun termo "tan ofensivo".

"Queda moito ata abrazar a diversidade e alcanzar a plena inclusión e hoxe estamos a dar un gran paso neste afán", engadiu o presidente, que sinalou tamén que hai outras reformas nas que os cidadáns están "a esperar" que os políticos cheguen a acordos.

As entidades da discapacidade fotografáronse con representantes dos grupos políticos para celebrar "este histórico momento", no que tamén participaron, entre outros, o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e a secretaria de Estado de Dereitos Sociais, Rosa Martínez. "A boa política é algo parecido ao que acabamos de facer, foi froito dun pacto, un pacto no que as partes negociaron e consensuado", destacou Feijóo.

Trátase da primeira reforma social da Carta Magna, que requiría ser aprobada por unha maioría de tres quintos dos deputados, e que reclamaban desde hai 20 anos as entidades da discapacidade, que aplaudiron este xoves desde as bancadas da Cámara Alta onde se celebrou o debate, por mor das obras no Congreso do Deputados.

Deste xeito, como acordaron Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, a modificación levouse a cabo pola vía exprés. A Mesa do Congreso rexeitou onte admitir as emendas presentadas ao texto.

Esta reforma constitucional foi impulsada polo Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) en 2018 e, xunto ao apoio da entón vicepresidenta do Goberno, a socialista Carmen Calvo, chegou ao Congreso cun acordo unánime para substituír o artigo por un novo texto "máis acorde aos novos tempos".

Actualmente, o artigo 49 da Constitución está redactado desta maneira: "Os poderes públicos realizarán unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos, aos que prestarán a atención especializada que requiran e ampararanos especialmente para o goce dos dereitos que este Título outorga a todos os cidadáns".

Esta reforma pretende cambiar a redacción a "as persoas con discapacidade exercen os dereitos previstos neste Título en condicións de liberdade e igualdade reais e efectivas". "Regularase por lei a protección especial que sexa necesaria para o devandito exercicio", engádese.

Ademais, no segundo punto constará: "Os poderes públicos impulsarán as políticas que garantan a plena autonomía persoal e a inclusión social das persoas con discapacidade, en contornas universalmente accesibles. Así mesmo, fomentarán a participación das súas organizacións, nos termos que a lei estableza. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e os menores con discapacidade".

En 2018 houbo un primeiro intento de reforma que contou co apoio en Comisión de todos os grupos parlamentarios que entón conformaban o Congreso, pero a convocatoria de eleccións para 2019 impediu que a súa tramitación continuase. Na seguinte lexislatura retomouse e o PP e PSOE chegaron a deixar pechada unha redacción con discreción, pero non houbo clima nin tempo para levalo adiante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade