Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno consegue validar a reforma laboral grazas a un erro na votación dun deputado do PP

O Goberno consegue validar a reforma laboral grazas a un erro na votación dun deputado do PP

O PP pide que se anule a validación da reforma laboral tras o erro no voto dun dos seus deputados

Dous deputados de UPN ao final votaron en contra

O Congreso rexeitou a tramitación da reforma como proxecto de lei e impediu con iso que os grupos poidan propoñer cambios a través de emendas

G24.gal 03/02/2022 18:15

O Congreso valida a reforma laboral por un só voto. Foi nunha controvertida votación en que un deputado do PP votou a favor do texto. O partido asegura que foi un erro informático e solicitou que se anule a validación.

Ademais, os dous deputados de UPN votaron en contra, desobedecendo as ordes da dirección do partido. A formación navarra pediulles que entregasen as súas actas. 

Como anécdota, un erro da  presidenta da Cámara Meritxell Batet ao ler o resultado fixo pensar que a reforma non saíra adiante e ocasionou varios segundos de incerteza na bancada do executivo.

A reforma laboral sae adiante cun sabor agridoce para o Goberno. Logra o seu obxectivo á custa da maior fractura no que vai de lexislatura no bloque de investidura.

PSOE e Unidas Podemos vían como un dos principais compromisos do pacto de coalición saía adiante co apoio de partidos como Ciudadanos ou UPN e coa oposición de socios como ERC, PNV ou Bildu.

A ministra de Traballo Yolanda Díaz admitía a súa tristeza: "Dáme mágoa que o debate se sitúe no campo das rivalidades partidistas. Entristéceme".

Foi un pleno insólito, con Ciudadanos satisfeito de apoiar o Goberno. Inés Arrimadas falaba dun "día importante para España porque por primeira vez en moito tempo, hoxe perden".

Os principais socios de investidura entraban no bloque do non. Din que esta non é a derrogación prometida e lamentan a negativa do executivo a modificar o texto pactado con sindicatos e empresarios.

Gabriel Rufián, voceiro de ERC no Congreso, explicaba que "Esquerra Republicana non funciona baixo ameaza. Isto non foi un proceso de negociación, senón de presión".

E o voceiro do PNV Aitor Esteban dicía: "A nós gústannos os consensos e valoramos o que se fixo no diálogo social, pero os consensos non se impoñen".

A pesar do non, Díaz agradeceulle ao PNV, pero non a Esquerra, o intento de negociar. Con todo, tanto os republicanos como Bildu manteñen que non hai un xiro na lexislatura.

Oskar Matute, voceiro de EH Bildu, aclarou: "Non o facemos para debilitar este goberno e para facer que se cambalee o bloque de investidura. Se hoxe se fractura, e fracturarase no sentido de voto, desde mañá tocará refacelo".

Os independentistas votaron do lado de VOX e do PP, que se cebaba na fractura da esquerda. Cuca Gamarra, voceira popular no Congreso, díxolle a Díaz: "Vostede, que traizoou os seus. Vostede chegou aquí como líder dos piquetes e agora está á fronte da troica". O Partido Popular prometeu derrogar a norma se chega á Moncloa.

Dous deputados de UPN rompen a disciplina de voto do seu partido

Os dous deputados de UPN no Congreso Sergio Sayas e Carlos García Adanero non acataron a decisión do seu partido e votaron en contra da reforma laboral no Congreso dos Deputados. Nunha mensaxe en Twitter, Sergio Sayas afirmou: "Votamos non á reforma laboral. En política o único que non podes facer é algo que non poidas explicar aos teus votantes. Somos os seus representantes e a eles nos debemos. Por iso nunca tiven un voto tan difícil como hoxe, pero tampouco nunca o tiven máis claro".

Pola súa banda, García Adanero dixo na mesma rede social: "Votei non á reforma laboral porque o contrario Supoñería un claro reforzo a Sánchez, presidente de España co apoio de Bildu. E fágoo en coherencia coa oposición que estamos a realizar desde o primeiro día, co apoio de miles de votantes". Desta forma, aínda que esta mañá ambos dixeron que acatarían a decisión do partido de apoiar a reforma laboral, mesmo que non a compartían, finalmente votaron en contra.

Erro técnico no voto telemático dun deputado do PP

Un deputado do bloque da derrogación acabou votando a favor da reforma. Segundo informou tras a votación a portavoz do PP Cuca Gamarra, é o deputado estremeño Alberto Casero, que pedira o voto telemático. Segundo asegurou aos medios, votou a favor por un problema técnico e acudiu ao Pleno a votar presencialmente, pero xa non lle deixaron.

Ante os líderes sindicais, presentes no hemiciclo, a ministra de Traballo non reparou en cualificativos para a nova reforma laboral, que considera "histórica".  Aínda así, laiouse de que o acordo pechado cos axentes sociais non conte co apoio dos socios prioritarios do Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade