O Congreso fixa para o 12 de decembro o primeiro debate da lei de amnistía

O xoves 14 comezarán a andar as tres comisións de investigación pactadas entre o PSOE e Junts

O PSOE defende que mellorará a convivencia e o Partido Popular fala de humillación

A xunta de voceiros do Congreso ordenou o pleno da próxima semana
G24.gal 05/12/2023 14:12 Última actualización 05/12/2023 14:56

O reloxo xa está en marcha. A próxima semana, concretamente o martes día 12, o Congreso celebrará o primeiro debate sobre a lei de amnistía. Tramitarase pola vía de urxencia, o que recurtará os prazos á metade. Os partidarios da amnistía teñen a posibilidade de que se tramite por lectura única. Esa opción permitiría aprobala no Congreso antes de finais de ano, pero semella que esta opción non está sobre a mesa. A idea inicial é habilitar o mes de xaneiro para que norma poida discutirse en relatorio e comisión. 

Despois quedará o trámite no Senado, onde o PP ten maioría absoluta e onde ten decidido apurar os prazos ao máximo que permite a lei, dous meses. O Senado non pode bloqueala. 

Cando da Cámara Alta, volverá ao Congreso para o seu visto e prace definitivo e súa entrada en vigor, na primavera. Os seus primeiros efectos produciranse nos primeiros meses do verán. 

Na orde do día da próxima semana, os grupos tamén incluiron o debate sobre a creación das comisións de investigación que os socialistas pactaron cos independentistas cataláns. 

Son dúas rexistradas por Junts, xunto co PNV, sobre os atentados islamitas en Barcelona e Cambrils en agosto de 2017, e a operación Cataluña. ERC rexistrou outra sobre a espionaxe do programa Pegasus, co apio do BNG e Bildu. 

Os de Puigdemont, queren que o que decida o Congreso sirva para demostrar o suposto lawfare ou guerra xudicial  e así revisar outras causas que lles afectan. 

Os socialistas defenden que a lei de amnistía vai permitir mellorar a convivencia fronte aos que buscan a confrontación. Para o PP, representa o peor da democracia española. Di Feijóo que na orixe desta lei hai "corrupción política", porque se compraron votos para a investidura a cambio de impunidade xudicial. 

O día en que sabemos cando vai comezar a debatirse no Congreso a lei de amnistía, a fundación de xuristas Hay Derecho presentou na cámara baixa máis de 100.000 sinaturas en contra desta norma. Queren abrir un debate parlamentario sobre unha medida que consideran unha seria ameaza para o estado de dereito e para a separación de poderes. E tamén denuncian que se tramite por urxencia. 

Unhas denuncias que rexeita o Consello Xeral do Poder Xudicial. Tras unha reunión extraordinaria, este organismo dixo que estará atento a como se desenvolven as comisións parlamentarias que se creen para investigar posibles interferencias na xustiza. E engaden que sempre defenderán a independencia xudicial. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade