O Congreso insta o Goberno a conxelar as peaxes da AP-9 e da AP-53 en 2023
O Congreso insta o Goberno a conxelar as peaxes da AP-9 e da AP-53 en 2023
A moción do PP non tivo o apoio de PSOE, Podemos e BNG, que se abstiveron
A Cámara Baixa tamén aprobou pedirlle ao Executivo central a prolongación da AG-31 entre Celanova e a fronteira con Portugal
O Congreso insta o Goberno central a conxelar as peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53, a que enlaza Santiago con Lalín. É unha proposición non de lei do PP que foi aprobada con 17 votos a favor e 17 abstencións, que foron as dos grupos socialista, de Podemos e o BNG.
O deputado popular que defendeu a iniciativa dixo que o Goberno ten marxe orzamentaria para evitar a suba histórica de máis dun 8 % na AP-53 e de case un 10 % na AP-9. No PSOE pedíronlles aos populares que non fosen "oportunistas" e aseguraron que o Goberno xa está traballando niso.
"É lóxico que o Goberno estude, propoña, execute esas medidas para os usuarios das autoestradas AP-9 e AP-53, pero é chocante que pidan este tipo de bonificacións xa que son os campións das prórrogas das peaxes das autoestradas por moitos anos", asegura Roberto García, deputado do PSOE.
"Que é o que lle estamos pedindo ao Goberno de España?, que siga o exemplo da Xunta de Galicia, que, ante un previsible e desproporcionado incremento das peaxes polo disparatado IPC, adoptou con antelación suficiente a decisión de conxelar as de dúas autoestradas autonómicas, a AG-55 entre A Coruña e Carballo e a AG-57 entre Vigo e Baiona", dixo Celso Delgado, deputado do PP.
Prolongación da AG-31
O Congreso pídelle ao Goberno central que impulse a conexión internacional da autovía de titularidade autonómica AG-31 entre Celanova e a fronteira con Portugal. A proposición non de lei do grupo socialista foi aprobada cunha ampla maioría tras acordar co PP unha emenda. A moción non obtivo votos en contra, só dúas abstencións.