Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso retoma o debate sobre o traspaso da AP-9

O Congreso retoma o debate sobre o traspaso da AP-9

Os voceiros do PPdeG, PSdeG e BNG integran a delegación parlamentaria que defenderán a proposición de lei aprobada por unanimidade no Pazo do Hórreo

O ministro de Transportes avanzou que a transferencia non será "sinxela" e comprometeuse a manter as bonificacións

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas di, nunha entrevista na Radio Galega, que a Xunta intentaría "reducir a peaxe existente" se non se materializa a gratuidade

G24.gal 11/06/2024 08:13 Última actualización 11/06/2024 16:29

O Congreso dos Deputados votará este martes, 11 de xuño, a toma en consideración dunha proposición de lei do Parlamento galego para a transferencia a Galicia da autoestrada de peaxe AP-9, no que será o cuarto intento lexislativo de conseguir o traspaso da estrada que vertebra de norte a sur o eixo atlántico.

Como é habitual nas proposicións de lei de parlamentos autonómicos, acudirá unha delegación parlamentaria para participar no debate na Cámara Baixa, que estará conformada polos portavoces do PPdeG Alberto Pazos Couñago, do BNG Ana Pontón e do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro.

A iniciativa que nesta ocasión desembarca na Cámara Baixa vén promovida polo PP galego que lidera Alfonso Rueda, que deu por feito, tras debatelo coa dirección nacional do partido, que os populares votarán a favor da toma en consideración da norma.

O Goberno avisa de que non será sinxelo

Pola súa banda, o xefe de filas do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro avanzou que os deputados do Partido Socialista no Congreso apoiarán a toma en consideración da nova lei para a súa tramitación. Con todo, o ministro de Transportes, o socialista Óscar Puente, arrefriou as expectativas de que frutifique no seu percorrido e deixou claro que a transferencia ou rescate da AP-9 non é "sinxela", aínda que se comprometeu a manter as bonificacións para a autoestrada.

No que respecta ao BNG, o deputado Néstor Rego votará a favor da transferencia, pois xa a reclamou en reiteradas ocasións e, precisamente, esta semana defende unha moción coa que insta o Goberno á anulación da prórroga da concesión da autoestrada ata 2048 e a asumir a súa xestión directa e a supresión das peaxes, ademais da propia transferencia.

Foi en decembro de 2023 cando, por cuarta ocasión no últimos oito anos, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade, esta vez promovido polo PP, un texto lexislativo para a súa remisión ao Congreso co obxectivo de conseguir este traspaso. En 2016, 2017 e 2018 os diferentes acordos na Cámara galega non frutificaron polo fracaso das leis na súa tramitación nas Cortes Xerais.

A lei galega propón que o Estado asuma o custo 

O Parlamento galego explica na exposición de motivos da proposición de lei que a estrada de pago vertebra un territorio en que reside o 65 % da poboación galega, polo que esas peaxes supoñen "unha penalización" que se viu agravada coas diferentes modificacións das que foi obxecto nos últimos anos o convenio entre o Estado e Audasa, que é a concesionaria da autoestrada.

Así mesmo, a lei que propón Galicia inclúe un punto para que sexa a Administración do Estado quen asuma as posibles consecuencias económicas que deriven dunha hipotética anulación da prórroga da concesión a Audasa ata 2028, asunto que está en estudo pola xustiza europea por unha posible infracción da normativa comunitaria en materia de competencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade