Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso aproba pedir ao Goberno anular a prórroga da AP-9 e suprimir as peaxes

O Congreso aproba pedir ao Goberno anular a prórroga da AP-9 e suprimir as peaxes

A iniciativa presentada polo BNG, nunha emenda transaccional xunto ao PP, pide que se anule esa prórroga, se asuma a xestión directa e a supresión das peaxes e se impulse o traspaso da competencia a Galicia

A proposta contou cos votos favorables de BNG, PP, Sumar, ERC, Junts e EH Bildu. Abstivéronse os deputados do PSOE e os do PNV e votaron en contra os de Vox

A solicitude tramitouse en paralelo á iniciativa para a transferencia a Galicia da Autoestrada do Atlántico 

A conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, defendeu unha xestión "máis directa" e "máis eficaz" desde a propia comunidade

G24.gal 13/06/2024 11:11 Última actualización 13/06/2024 14:14

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou este martes unha iniciativa non lexislativa para solicitar a anulación da prórroga de 25 anos concedida á concesionaria da AP-9 polo Goberno de José María Aznar, e ao mesmo tempo suprimir as peaxes e impulsar a transferencia a Galicia da xestión desta infraestrutura.

A proposta do BNG contaba co apoio do Grupo Popular no Congreso, que se sumara en forma de emenda transaccional, obtivo 181 votos a favor, 32 votos en contra e 132 abstencións.  

Así as cousas, amais do voto favorable do deputado do BNG e dos do PP, tamén apoiaron a proposta desde os escanos de Sumar, ERC, Junts, e EH Bildu.

Os votos negativos chegaron desde a bancada de Vox, mentres que as abstencións corresponden ao Grupo Socialista e ao PNV. Recentemente o ministro de Transportes, Óscar Puente, cifrara semanas atrás o rescate da AP-9 nuns 4.000 millóns e cualificábaa de "inasumible".

Logo da votación o deputado nacionalista, Néstor Rego, aseguraba que "o que queremos é que se poña fin a esta inxustiza e a esta discriminación que supón ter que pagar durante 25 anos máis unha autoestrada que está suficientemente amortizada".

Pola súa parte o deputado do PP, Celso Delgado, dicía que "non é o momento de falar, senón de dar pasos e este é un paso realmente importante".

Tanto desde o BNG como desde o PP pedíanlle ao PSOE e ao Goberno que asuman a decisión da Cámara e apliquen o acordado. "Que non deixen outra vez que os anhelos dos galegos queden no dique seco", afirmaba Delgado.

"O Goberno non ten a obriga de facer exactamente, e de forma inmediata, o que di o Congreso, pero creo que ten o deber moral de atender ao que se aprobou por maioría absoluta e por unanimidade no Parlamento de Galiza", concluíu Rego.

O martes pasado o Congreso aprobaba a toma en consideración da transferencia e competencias da Autoestrada do Atlántico, con 309 votos a favor e 33 en contra. Iniciábase así un novo intento para lograr o traspaso da AP-9 a petición do Parlamento Galego.

Non obstante, é só un primeiro paso que non necesariamente ten que concluír coa aprobación definitiva e que leva un camiño soamente coincidente no tempo coa emenda que hoxe se votou.

A Xunta celebra que saíra adiante esta moción e pídelle ao Goberno que axilice os trámites para que se poida facer realidade canto antes.

A conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, defendeu que unha xestión dende a propia comunidade autónoma sería "moito máis directa" e "eficaz", ao igual que "as autoestradas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade