Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PSOE saca a reforma do só si é si co PP e entre críticas dos seus socios

O PSOE saca a reforma do só si é si co PP e entre críticas dos seus socios

Os socialistas acadan 233 votos co apoio de PP, Cs, PNV, CC, UPN e PDeCAT

Tivo o voto en contra da maioría do bloque progresista, incluídos Unidas Podemos, ERC e EH-Bildu

Bolaños xustifica a reforma da lei polo clamor social

G24.gal 20/04/2023 08:12 Última actualización 20/04/2023 15:16

O PSOE conseguiu sacar adiante a reforma da lei do só si é si, coa oposición dos seus socios de investidura e a ministra de Igualdade, Irene Montero, principal defensora da norma, e o apoio do PP, que celebrou o que considera a "derrogación" da lei.

Con 233 votos a favor, 59 en contra e 4 abstencións, a reforma da Lei de garantía integral de liberdade sexual dá un paso máis no seu trámite parlamentario e evidencia a ruptura dos socios de goberno que, por primeira vez, vota de forma separada a corrección dunha norma impulsada desde o propio Executivo.

Ademais de PSOE e PP, a reforma contou co apoio de Cs, PNV, CC, UPN e PDeCAT e o voto en contra da maioría do bloque progresista, incluídos Unidas Podemos, ERC e EH-Bildu. Vox non participou na votación e Junts per Catalunya (JxCat) abstívose.

Esta foi a primeira vez que os partidos da coalición votan distinto na corrección dunha norma impulsada polo propio executivo. Cando a presidenta do hemiciclo anunciou os resultados, a bancada popular púxose en pé, aplaudindo a modificación, mentres os socialistas permanecían en silencio. 

"Non iamos competir en aplaudir co PP, que era unha escenografía barata", explicou o voceiro do PSOE, Patxi López, nos corredores do Congreso.

Na súa opinión, tratábase de "facer o que había que facer" e non de "estar cómodos ou incómodos".

Os socialistas apoiáronse nos votos do PP para aprobar unha reforma que free as rebaixas de condenas a agresores sexuais. Non o ve así a ministra de Igualdade. Di que non van parar e que a modificación supón un grave retroceso nos dereitos das mulleres. Para Irene Montero hoxe foi  "un día triste, seguramente o día máis difícil que vivín neste Parlamento como ministra e tamén para todas as feministas".

O PSOE quere restarlle importancia ao choque, tanto cos socios da coalición como cos partidos en que se habitualmente se apoia. Pero non convencen a ERC,  que acusa os socialistas de deslealdade.

"O PSOE alíase co PP, cando nos dixeron durante tres anos que son inimigos dos dereitos das mulleres, para modificar unha lei impulsada por unha ministra do seu goberno, de Unidas Podemos", explicaba dende a tribuna a súa voceira, Pilar Vallugera.

Pola súa parte, o PP cre que o PSOE rectifica por motivos electorais. Aínda así, celebra o que considera unha vitoria da sociedade. Segundo Cuca Gamarra, "a sociedade española tampouco pode entender que hoxe o grande ausente sexa o máximo responsable de todo o que está pasando, Pedro Sánchez, o culpable". 

O PSOE admite a "sensación agridoce" de pactar co PP a reforma da lei do 'só si é si'

A secretaria de Igualdade do PSOE, Andrea Fernández, recoñeceu a "sensación agridoce" de ter que pactar co PP a reforma da lei do só si é si, que será previsiblemente aprobada este xoves no Congreso, coa oposición dos partidos do bloque da investidura.

"Confeso unha sensación agridoce", admitiu no debate parlamentario da reforma Fernández, quen cualificou de "decepcionante" ver como o PP leva meses "tentando sacar rédito dun tema tan sensible como a violencia sexual".

A secretaria de Igualdade do PSOE defendeu a necesidade de modificar a lei tras as rebaixas de condenas a agresores sexuais e asegurou que se trata dunha "reforma técnica" que "non modifica nin unha coma da definición do consentimento".

E referiuse ao seu socio de goberno, Podemos, a quen asegurou que "non hai humillación en traballar polo beneficio da maioría, en abordar o feminismo de consensos amplos e sólidos".

"A reforma do Código penal que lidera hoxe o PSOE pretende reverter os efectos indeseados da lei e reparar ás vítimas que se viron afectadas, actuamos desde a responsabilidade, sendo a única formación que puxo unha solución solvente sobre a mesa", defendeu a deputada socialista.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade