Educación prevé convocar o concurso de méritos do profesorado nun mes
Educación prevé convocar o concurso de méritos do profesorado nun mes
O conselleiro responsable defende as axudas en función da renda da Xunta por favoreceren a "xustiza social"
Román Rodríguez critica a "improvisación" da LOMLOE e insta o Goberno a rectificar a proposta da nova ABAU
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, avanza na Radio Galega que no prazo aproximado dun mes se convocará o concurso de méritos para a cobertura de 1.156 prazas de profesores.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, na véspera da xuntanza da mesa sectorial onde se ultimarán os detalles pendentes, Román Rodríguez di confiar en que o proceso estea resolto para primavera do ano que vén.
Con esta medida búscase reducir -explica Rodríguez- a taxa de interinaxes. Porcentaxe -sinala- que mentres en Galicia é do 8 %, na media de España sobe ata o 25%.
"En catro ou cinco semanas poder convocar e calculamos que o proceso terá un tempo razoable de dúas ou tres semanas para que as persoas que queiran participar no concurso poidan presentar a documentación. Calculamos que pode haber arredor de doce ou trece mil persoas, mesmo quince mil persoas que poidan participar e calculamos ter todo resolto na contorna de marzo ou abril de 2023".
O conselleiro de Educación tamén asegura que en 2023 está previsto que se faga un concurso-oposición no que sairán unhas 150 prazas co obxectivo de que estea resolto antes do verán para que o novo profesorado poida incorporarse no mes de setembro.
Axudas
O conselleiro de Educación defende as medidas de apoio ás familias en materia educativa, sobre todo tendo en conta a actual situación de crise inflacionista.
Sen contar o transporte escolar, Rodríguez asegura que "o resto das axudas que se dan -directas ou indirectas- dende a Xunta supoñen un aforro de 110 millóns de euros para as familias galegas".
Non só iso, senón que defende que esas axudas sexan en función da renda e das necesidades ao asegurar que "temos que priorizar e orientar as axudas e apoios públicos ás familias que máis o precisan", porque iso -engade- supón "maior xustiza social".
Ante as críticas do PSdeG por non favorecer a gratuidade dos libros de texto para todo o mundo, Rodríguez tira de exemplo para dicir "que as familias galegas non teñen que pagarlle os libros, por exemplo, aos deputados autonómicos que temos moi bos salarios".
LOMLOE e ABAU
Román Rodríguez non escatima críticas á LOMLOE, a nova lei de educación que entra en vigor neste curso e se aplica de momento nos cursos impares.
O conselleiro de Educación destacou a normalidade nas aulas galegas case un mes despois do comezo deste curso académico malia os meses -dixo- de "improvisación e caos" desta nova lei.
Así mesmo instou o Ministerio de Educación a rectificar a súa proposta de ABAU -a antiga selectividade- ao entender que "os exames se avaliarán con criterios que nin o alumnado nin profesores traballaron na aula", ademais de que na proba se "diluirán materias como as linguas".