Galicia pide manter descontos nos combustibles para familias con menos recursos
Galicia pide manter descontos nos combustibles para familias con menos recursos
A Xunta insta o Goberno a conxelar as peaxes da AP-9 e AP-53
A dous días da aprobación dos Orzamentos da Xunta para 2023, o conselleiro de Facenda sostén que “dan resposta aos problemas dos galegos”
Miguel Corgos admite como unha das principais fontes de preocupación da Xunta o futuro de Stellantis Vigo
Aponlle “falta de ambición” ao Ministerio de Industria por pedrirlle a Altri que fraccione o seu proxecto en Palas para buscarlle encaixe nos PERTE
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, pídelle ao Goberno central que inclúa as “familias con menos recursos” nas bonificacións do combustible que aprobe no vindeiro paquete de medidas contra a inflación e que se conxelen as peaxes da AP-9 e AP-53. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega e ante as informacións xornalísticas que apuntaban que o Goberno suprimiría o desconto xeral de 20 céntimos por libro de combustible para limitalo aos transportistas e agricultores, Miguel Corgos entende que “á parte dos sectores produtivos, tamén habería que ter en conta as familias con menos recursos económicos para axudalas”. A continuación engade que “en todo caso, o que é sorprendente é que os orzamentos presentados no Congreso dos deputados non tiveran en conta o impacto destas medidas”.
“Á parte dos sectores produtivos, tamén habería que ter en conta (nas novas bonificacións dos combustibles) as familias con menos recursos económicos para axudalas e que precisan do medio de transporte para desprazarse ao seu traballo".
Así mesmo, Corgos alertou na Radio Galega “do golpe importante” para a produtividade da economía galega a eventual suba das peaxes da AP-9 e AP-53 nun 9 % para 2023. O conselleiro de Facenda di que “non confía” senón que “é necesario” que o Goberno evite ese encarecemento. Afirma que dende a Xunta lle piden ao executivo que faga o mesmo que fixo o Goberno autonómico coas autoestradas de competencia galega e propón “con cargo aos orzamentos facer ese esforzo de financiar ese incremento de tarifas para que non impacte no tecido produtivo nin nas familias dunha forma tan importante”.
Nas vésperas de que o Parlamento galego aprobe definitivamente os Orzamentos da Xunta para 2023, o conselleiro de Facenda defende as contas autonómicas ao asegurar que lles dan “resposta aos problemas dos galegos”. Afirma que están “ben enfocados, cun importe salientable, o máis alto da historia” pero engade que “o importante non é o importe nin gastar moito, senón que o importante é gastar ben”. Nesa liña insiste en que “parten dunha diagnose sólida e alíñanse con esa diagnose para solucionar os problemas dos galegos, achegando máis recursos para paliar os efectos da suba de prezos, achegando recursos para a eficiencia enerxética…”.
O conselleiro de Facenda tamén recoñece non entender o motivo da manifestación convocada polo BNG este domingo 18 en Santiago co lema “Non é unha crise de prezos é unha estafa” e na que o Bloque lle demanda á Xunta suba de impostos a grandes patrimonios e repoñer a Tarxeta Básica. Corgos asegura que a crise actual é “importada” e ten como orixe unha alza de prezos tras unha “saída rápida” da crise da covid e agravada pola guerra en Ucraína. Dirixíndose ao BNG, Corgos dixo que “non se entende moi ben isto da crise ou da estafa ou do que sexa. Ben é certo que á parte doe slogan, as medidas achegadas no debate orzamentario foron as de todos os anos. Coa mesma mala calidade, sen achegar solucións novas para todos os galegos como si intentamos facer dende o Goberno”.
Fondos Europeos de Recuperación
O conselleiro de Facenda volveu amosar a súa preocupación pola xestión do Goberno dos fondos europeos de recuperación. Corgos afirma que “non se fixeron as cousas ben” e que os PERTE están “mal deseñados” e “non executados” polo que admite que “hai risco moi importante” de que se perdan eses fondos por unha “mala xestión e centralización inaudita” por parte do Goberno. No que atinxe a Galicia, Corgos asegura que unha “das principais fontes de preocupación” é o futuro de Stellantis Vigo e unha eventual deslocalización logo de que dende o grupo automobilístico se avisara de que se o Goberno non apoia investimentos para a nova plataforma non poden asegurar o futuro da factoría de Balaídos máis alá de 2030.
Por outra banda, Corgos aponlle “falta de ambición” ao Ministerio de Industria á hora de buscarlle encaixe ao proxecto proposto pola portugesa Altri en Palas de Rei para construír unha factoría de fibras téxtiles de orixe forestal. Segundo desvelou, “están á espera de que o Ministerio de Industria lles dea un encaixe nos PERTE pero a solución que lle está dando o Ministerio de Industria é fraccionar este proxecto en 17 miniproxectos que encaixen en partes específicas dos diferentes PERTE existentes, en vez de realizar un estudo ad hoc para un proxecto tan importante e que pode revolucionar o sector forestal da comunidade autónoma”. Por tanto, engade, “non entendemos que se estea a tratar con esta falta de ambición por parte do Ministerio”.