Publicador de contidos
Publicador de contidos

Julio García Comesaña: "Os tests de balde para menores estarán nas farmacias a partir do venres"

Julio García Comesaña: "Os tests de balde para menores estarán nas farmacias a partir do venres"

O conselleiro de Sanidade asegura que se distribuirán 150.000 tests gratis nas boticas

Agardan poder recibir todas as doses infantís da vacina antes do inicio do curso

A Xunta pediralle o luns autorización ao TSXG para estender o uso do certificado da covid

G24.gal 12/12/2021 10:23

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anuncia nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana da Radio Galega que a partir do 17 de decembro as familias dos nenos e nenas de entre cinco e once anos poderán recoller nas farmacias o test gratuíto que o Sergas lles ten asignado, un por cada cativo.

Segundo Julio García Comesaña, estarán dispoñibles uns 150.000 para que poidan facerse nos fogares. No caso de dar positivo, faríase comprobación cunha PCR e tamén está prevista a axilización dese procedemento, xa que -dixo- "imos reforzar os ocos de citas para PCR".

"Está previsto que a partir do día 17 estean dispoñibles nas oficinas de farmacia. O que imos facer é asignarlle a cada neno galego un test de xeito gratuíto. A idea é que poidan retiralo xa a partir dese día" 

Certificado da covid

García Comesaña tamén avanzou que este luns lle remitirán ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a orde cos novos ámbitos de aplicación do certificado da covid para que o alto tribunal galego o valide antes da súa entrada en vigor. En concreto, para cines e eventos multitudinarios. 

Admitiu que "o número de persoas falta por fixarse" pero engadiu que a concreción "farase nas vindeiras horas". Barállase da orde de entre 200, 300 ou 400 persoas pero está pendente de se establecer.

Controis na hostalería

O conselleiro de Sanidade lembrou que, tras acordalo nunha xuntanza entre Xunta e hostalaría, os controis no sector hostaleiro van "intensificarse e estenderse máis alá do horario de mañá que se viñan facendo".

Ademais, apuntou que falaron "cos alcaldes das sete grandes cidades para que as policías locais reforcen o seguimento do cumprimento das medidas" e que iso tamén o fará a Policía Autonómica. Do mesmo xeito, subliña que lle pediron á Delegación do Goberno para que tanto Garda Civil coma Policía Nacional reforcen esa vixilancia.  

Recoñece García Comesaña que houbo e hai relaxación no cumprimento das medidas de prevención. 

"Os datos parecen indicar que hai unha relaxación en determinados ámbitos, nestes días podiamos ler en medios de comunicación que había "after hours" que abrían ata as nove da mañá".

García Comesaña non desbota que, de empeorar a "ocupación hospitalaria", haxa que tomar algún tipo de medida na hostalaría que axude a reconducir a situación. Destacou que a "ocupación hospitalaria", e non tanto a epidemiolóxica, é a que condicionará a aplicación ou non de medidas no que atinxe a cabidas e horarios.

Vacinación

O conselleiro de Sanidade amósase optimista co ritmo de administración da dose de reforzo para maiores de 60 anos, de profesionais sanitarios e das persoas que recibiron Janssen e di que confían "en que esta mesma fin de semana rematemos a maior parte deles". 

Así mesmo admite que xa preparan a administración da terceira dose para os grupos etarios menores, caso dos de máis de cincuenta anos. 

Respecto á vacinación de menores de once a cinco anos, confirma a intención de administrar entre o mércores e o sábado da semana que vén as 60.000 primeiras doses que prevén recibir. "Haberá puntos de vacinación específicos" nos puntos de vacinación masiva.

Ademais non descarta  que na primeira semana do mes de xaneiro se poidan recibir algunhas  doses máis e "no mes de xaneiro puideran recibirse todas" as precisas para lle administrar ao resto de nenos galegos a primeira dose do antídoto.

Mesmo expresou o seu desexo de que cheguen a tempo para que todo ese grupo de cativos tivese a súa primeira inxección antes de volver das vacacións do Nadal. 

"Oxalá nos cheguen para poder vacinalos antes do inicio do curso" . 

Evolución epidemiolóxica

García Comesaña aposta por agardar uns días para coñecer os efectos da ponte festiva da Constitución. Con todo, non é moi optimista e non descarta que o pico desta sexta vaga aínda tarde en darse se o número de contaxios diarios segue superando o milleiro. Con todo, o que máis lle preocupa é a presión hospitalaria, sobre todo en áreas coma as de Vigo e Ourense.  

O conselleiro de Sanidade falou tamén da variante ómicron para confirmar que, ata o momento da entrevista (na mañá do domingo doce de decembro), só se confirmaran 4 casos, tres na área de Vigo e un na da Coruña e relacionados entre si. Hai outros en estudo do mesmo gromo.

Indicou que os casos son "asintomáticos" e "iso é boa noticia" pero dixo que "hai que estar pendentes para ver se isto é así" e "sobre todo o seu comportamento nas persoas maiores". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade