Visto e prace do Consello de Ministros á lei de familias
Visto e prace do Consello de Ministros á lei de familias
A norma equipara as familias monoparentais con dous fillos ás numerosas e recoñece a diversidade de modelos familiares
As familias numerosas pasan a denominarse "familias con maiores necesidades de apoio á crianza"
O Consello de Ministros aprobou este martes a lei de familias que recoñece a diversidade das diferentes situacións familiares e busca mellorar a protección social das mesmas. Calcúlase que uns 300.000 fogares poidan acceder aos dereitos e axudas que contempla.
A norma equipara as familias monoparentais con dous fillos ás numerosas e recoñece a diversidade de modelos familiares, como familias adoptivas, reconstituídas, LGTBI, con algún membro con discapacidade, múltiples ou acolledoras.
"Eu creo que serve non só para profundar na igualdade e a xustiza social, senón tamén na liberdade, a liberdade de cada cal para poder desenvolver plenamente as súas eleccións e os seus proxectos vitais", segundo salientou o ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Pablo Bustinduy.
Así mesmo, as familias numerosas pasan a denominarse "familias con maiores necesidades de apoio á crianza". Unha categoría en que se inclúen os fogares dun só proxenitor con dous fillos, os fogares con dous fillos en que un ascendente ou descendente teña discapacidade, os encabezados por unha vítima de violencia de xénero ou por un cónxuxe que obtivese a garda e custodia exclusiva sen dereito a pensión de alimentos, e aqueles con dous fillos en que un proxenitor estea en tratamento hospitalario durante un ano ou ingresase en prisión.
En canto ás parellas de feito, crearase un rexistro estatal e terán os mesmos dereitos que un matrimonio. Neste caso, recibirán pensión de viuvez e quedan recollidas no acceso ao Fondo de Garantía de Pago de Alimentos para os fillos e fillas a cargo en caso de disolución da parella de feito.
Permisos e medidas de conciliación
O texto, deseñado polo departamento de Ione Belarra, amplía as medidas de conciliación cos tres novos permisos para o coidado de familiares ou conviventes que entraron en vigor a través do decreto anticrise, aprobado polo Goberno o 29 de xuño para incorporar a directiva europea.
En canto ao permiso anticipado, a lei establece que o pai ou a nai non xestante poderá anticiparse ao permiso de 16 semanas, colléndoo nos dez días previos á data prevista de parto.
Pero queda pendente a prestación universal por crianza ou a ampliación a 20 semanas dos permisos por nacemento e adopción. Unhas medidas que o ministro Bustinduy non dá por perdidas.
"Sempre defendín que en España debería adoptarse unha prestación universal por crianza. A formalización desta axuda á crianza é un primeiro paso para a súa ampliación".
O Goberno tamén deu luz verde ao proxecto de lei de servizos de atención ao cliente. Fíxase un prazo máximo dun mes para que as empresas resolvan as reclamacións dos consumidores.