O consumo por subscrición dificulta o control do gasto nas economías familiares
O consumo por subscrición dificulta o control do gasto nas economías familiares
A metade dos galegos manifestaron levar algunha sorpresa co gasto mensual en subscricións
Case o 30 % dos consumidores galegos admiten que lles resulta difícil facer seguimento das compras con pago aprazado
Tomar un café ou unha cervexa de xeito máis ou menos habitual sería un dos chamados gastos formiga. Pequenas cantidades de gasto fixo que pasan máis desapercibidas, pero que poden ter un forte impacto na economía familiar. Na era dixital estes gastos adoitan novas fórmulas como son as subscricións.
"HBO, Netflix, Prime Video".
"A YouTube subscribinme hoxe, por exemplo, e ao almacenamento de Apple".
Dos galegos que participaron nun estudo realizado por unha compañía de servizos de xestión de crédito, a metade, o 51 %, manifestaron levar algunha sorpresa co gasto mensual en subscricións.
"Algunhas veces, polo que sexa, que te despistas e levas unha sorpresa interesante".
O informe tamén fai referencia ás formas de pago na economía dixital e cifra en case o 30 % os consumidores galegos que admiten que lles resulta difícil facer seguimento das compras que realizan con pago aprazado. Unha dificultade que leva a algunhas persoas a evitar esta modalidade.
"Pago ao contado, pago o que teño e o que non, non mo permito".
"Se o teño cómproo e senón non me meto".
"Ti podes comprar unha cousa que se sabes que a podes pagar igualmente, pois antes de ter os cartos na tenda, primeiro téñoos eu e voullos dando, pero non adoito facelo (compras con pago aprazado)".
O estudo incide na formación financeira como ferramenta de axuda para a toma de decisións en materia económica.