O Corpus de Ponteareas recupera o nivel de visitas previo á pandemia
O Corpus de Ponteareas recupera o nivel de visitas previo á pandemia
Miles de persoas aproveitaron o sol para ver a arte das alfombras florais nas rúas da capital do Condado
Ponteareas volveu vivir o Corpus Christi cunha cifra de visitantes semellante ás rexistradas antes da pandemia. Miles de persoas aproveitaron o domingo para ver a arte das alfombras florais nas rúas da capital do Condado.
Como manda a tradición de douscentos anos, o chamado Corpo de Cristo saíu en procesión baixo a chuvia de pétalos, sobre todo de hortensias, e pisando as alfombras que durante toda a madrugada fixeron as asociacións de alfombristas.
Coa comitiva relixiosa ían coma cada ano os rapaces e as rapazas que acababan de recibir a primeira comuñón.
De novo, a procesión do Santísimo pisou os mantos de pétalos. Din os alfombristas que iso é o mellor do seu traballo, esa sensación do efémero que volverá o ano que vén.
Ao lado desta parte relixiosa do Corpus, a máis festiva, a dos visitantes, practicantes ou non do catolicismo, que se achegaron ata a vila para gozar de 26 tapices de flores.
Este ano fixeron as súas creacións tres asociacións de fóra, das Canarias, de Portugal e de Italia, outro dos berces deste tipo de arte floral.