O cultivo da colza esténdese na Limia, onde multiplican por catro o sementado en 2022
O cultivo da colza esténdese na Limia, onde multiplican por catro o sementado en 2022
Representa xa o terceiro cultivo da Limia, só por detrás da pataca e do cereal
A pesar do incremento da superficie sementada este ano prevese unha menor rendibilidade por mor da chuvia e as xeadas
A amarela é a cor da primavera na Limia. A colza, que empezou como algo residual, esténdese este ano por 1.200 hectáreas de terreo. É idónea para a rotación de cultivos polas súas longas raíces, que lle abren camiño á auga, e porque os restos da planta tras a colleita funcionan como un fertilizante natural.
"Un cultivo que se considera mellorante porque, ademais da rendibilidade da produción, axúdache a conservar o solo", di Servando Álvarez, técnico do Inorde.
O ano pasado deu un rendemento espectacular, por riba dos 3.000 quilos por hectárea, pero este ano non vai ser tanto. A simple vista xa se observa que hai calvas nas leiras, e as plantas veñen menos vigorosas. A chuvia primeiro, e as xeadas despois minguaron a produción ata un corenta por cento.
"Botei 8 ou 10 hectáreas de colza, das que 3 ou 4 se estragaron, basicamente polo frío do inverno e o encharcamento. Choveu moi concentrado nos meses do inverno", explica Víctor Cabido González, produtor de colza.
A última colleita alcanzou no mercado un prezo histórico, 60 céntimos o quilo. Malia a que empezou a sementarse para biodiésel, hai xa máis de quince anos, actualmente destínase, sobre todo, a alimento para o gando.
Co ritmo actual de produción, a colza representa xa o terceiro cultivo da Limia, só por detrás da pataca e do cereal.