Publicador de contidos
Publicador de contidos

O cumio de atención primaria celébrase entre reclamacións de máis prazas e un pacto nacional

O cumio de atención primaria celébrase entre reclamacións de máis prazas e un pacto nacional

Sanidade propón crear unha Comisión de Atención Primaria

A xuntanza avaliará o Plan de Acción 2022-2023

O PP reclama mil prazas formativas extra en medicina de familia

O sector pide "un gran pacto nacional"

Xuntanza do Consello Interterritorial de Saúde o pasado 8 de xaneiro
G24.gal 09/02/2024 08:27

O cumio de atención primaria entre o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para tratar de paliar a crise que azouta este nivel asistencial celébrase este venres entre as reclamacións do PP para engadir 1.000 prazas formativas ao ano e da profesión médica para que  se alcance un pacto nacional.

Sanidade propón crear unha Comisión de Atención Primaria

O esperado monográfico do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde contará coa proposta do Ministerio de Sanidade de crear unha Comisión de Atención Primaria para que "teña o papel estable e de desenvolvemento" que a sanidade pública necesita e favoreza que Goberno e comunidades autónomas adopten medidas conxuntas e o intercambio de boas prácticas.

Ademais, a ministra Mónica García tamén quere presentar as conclusións do estudo en atención primaria da OMS en España en 2023. Así o anunciou a propia García hai uns días no Congreso, onde ademais de avanzar a data do cumio desvelou a súa intención de aumentar, "da man das comunidades autónomas", un 15 % as prazas ofertadas en Familia durante a lexislatura.

Na mesa tamén estará o asunto das prazas acreditadas, algo que compete facer ás autonomías, pero sete non chegan á media nacional: País Vasco, Cataluña, Castela-A Mancha, Comunidade Valenciana, Canarias e Madrid (4,14). Se as sete alcanzasen esa media, poderían gañarse 224 postos de medicina familiar máis, calcula Sanidade.

A xuntanza avaliará o Plan de Acción 2022-2023

De acordo coa orde do día, a cita empezará coa avaliación das accións do Plan de Acción de Atención Primaria e Comunitaria 2022-2023 aprobado polo Goberno a finais de 2021 para reducir a temporalidade neste servizo por baixo do 8 % e crear a categoría de enfermeira familiar e comunitaria, entre outras cuestións, e os "futuros pasos que cómpre tomar".

Tamén a "recollida de propostas e liñas de acción en tres áreas de atención prioritaria": xestión de profesionais; "accesibilidade e xestión da demanda", con temas como as barreiras ao acceso, modelos presenciais e telemáticos, redefinición competencial, axendas, deseño de equipos e autonomía de xestión, e a "continuidade asistencial e atención integrada".

O derradeiro punto centrarase na proposta de fortalecemento do traballo conxunto en atención primaria no seo do Consello Interterritorial.

O PP reclama mil prazas formativas extra en medicina de familia

Con todo, numerosas comunidades autónomas gobernadas polo PP botaron en falta que a orde do día incorpore a súa petición de abordar o déficit de médicos cunha oferta extra anual de mil prazas formativas máis en medicina de familia durante catro anos, e así llo fixeron saber por carta a García.

Foi o caso de Madrid, a Comunitat Valenciana, Murcia ou Baleares, que tamén mostraron a súa preocupación pola finalización do período formativo dos actuais residentes MIR en setembro,  unha situación que podería limitar a capacidade de contratación de novos especialistas durante o verán.

Precisamente, unha hora antes do Interterritorial, o secretario de Estado de Sanidade Javier Padilla recibirá representantes da Asociación MIR e médicos novos da Organización Médico Colexial (OMC), que lle trasladarán, entre outros asuntos, ese buraco de que eles mesmos avisaron no seu estudo Desafíos críticos na formación médica especializada 2024. Informe sobre a crise de RRHH e o final do período de residencia no verán de 2024.

Nel, a sección de médicos novos da OMC advertía de que o atraso na incorporación dos MIR en 2020 como consecuencia da pandemia provocaría un déficit de ata 5.000 residentes das especialidades maioritarias, encabezadas por Familia, nunha época xa de seu "especialmente sensible" en canto a recursos humanos.

O sector pide "un gran pacto nacional"

A todas estas reivindicacións súmanse as que fixo a profesión médica, que opina que a crise da primaria só se pode resolver cun gran pacto nacional, polo que reclamou ao Interterritorial que chegue a "un grande acordo colectivo" sustentado en "grandes consensos" con que garantir a subsistencia do modelo de saúde. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade