O cura da parroquia prohibe a procesión dos cadaleitos en Ribarteme
O cura da parroquia prohibe a procesión dos cadaleitos en Ribarteme
Acábase así unha tradición documentada dende o século XVII e que pode ter as súas orixes na Idade Media
Dende o Padroado do santuario din que xa houbo épocas en que non houbo procesións e que se recuperará a tradición
Adeus á procesión de cadaleitos de Santa Marta de Ribarteme no concello das Neves. Unha tradición ancestral desta romaría galega. O cura e a diocese afirman que esta tradición é unha deformación e non ten ningún sentido.
Queren evitar que a procesión sexa un espectáculo folclórico. A pandemia foi un punto de inflexión. Despois de dous anos sen desfile de cadaleitos polas restricións sanitarias viron o momento oportuno. Unha decisión que non gusta á veciñanza nin aos romeiros.
"A min gustaríame que saísen, cada un ten a súa fe e é bonito"
"O cura manda na igrexa, non nos que se ofrecen"
"Eu quixera que saísen, é o de toda a vida"
"Non achega nada á parroquia nin a vida cristiá en xeral. Eu trato de evanxelizar e facer amigos de Xesucristo, pero non de facer parvadas nin folcloradas, nin estupideces. Entendido? ", asegura don Francisco, o cura de Ribarteme.
"Pouco a pouco as cousas volverán ao seu para manter a tradición, porque houbo momentos en que por moitas razóns non se celebrou esta romaría, pero aquí estamos", asegura Alejandro Martínez, membro da Asociación do Padroado de Santa Marta.
Os que se ofrecen, fano, como sacrificio, para agradecerlle á santa a curación dun familiar moi grave ou seguir vivos cando estiveron a piques de morrer.
"Hai xente que lle chama a atención porque ir nun cadaleito vivo impresiona, pero tamén forma parte da nosa cultura galega. A morte é irmán da vida. Non estamos a facer algo que non sexa propiamente galego. E hai outras procesión tamén con cadaleitos como na Pobra do Caramiñal e fanse", asegura Martínez.
Deste xeito acábase cunha tradición que se remonta á Idade Media e que está considerada como unha das máis singulares do mundo e declarada de interese turístico. A de 2019 foi, de momento, a última procesión con cadaleitos.
Sete persoas saíron ese ano en procesión. Unha delas fíxoo para agradecer á santa que o seu can Jeremías sobrevivise a un tumor; algo que axudou a estender na diocese que a romaría se convertera nunha celebración folclórica.