O Deportivo-Spórting, declarado de alto risco
O Deportivo-Spórting, declarado de alto risco
A cita terá lugar o vindeiro domingo 24 de novembro ás 16:15 horas no estadio de Riazor
A Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte decidiu declarar como partido de alto risco o Deportivo-Spórting de Xixón, correspondente á décimo sexta xornada de Segunda División.
A cita terá lugar o vindeiro domingo 24 de novembro ás 16:15 horas no estadio de Riazor, co conxunto local clasificado na décimo quinta posición mentres que o equipo asturiano está segundo, en postos de ascenso directo. Nesta tempada son xa tres os partidos do conxunto branquiazul declarados de alto risco.
O primeiro foi ante o Málaga, no que tiveron lugar graves incidentes entre os radicais do Dépor e do equipo andaluz. Ultras do Málaga xeraron disturbios na Coruña, esnaquizaron un bar e causaron danos materiais, pero tamén foron detidos dous ultras do conxunto herculino por altercados na praza de Pontevedra.
A segunda ocasión foi ante o Racing de Santander, tamén en Riazor. Para o enfrontamento ante o Spórting espérase unha grande entrada con numerosa presenza de afeccionados do Spórting, como cada vez que o conxunto asturiano visita Riazor.
O Spórting disporá de 563 entradas, a 20 euros cada unha, para a zona visitante; con todo, rexistráronse máis de 4.000 peticións por parte dos seus abonados.