Publicador de contidos
Publicador de contidos

O detido en Logroño por matar a súa muller botouse ao río con dúas das súas fillas

O detido en Logroño por matar a súa muller botouse ao río con dúas das súas fillas

O outro fillo logrou fuxir e pedir axuda ás persoas que estaban no lugar

A Delegación do Goberno na Rioxa convocou un minuto de silencio

G24.gal 09/07/2023 08:35 Última actualización 09/07/2023 08:54

Sucedeu a primeiras horas da tarde do sábado nunha vivenda do centro de Logroño. Segundo os primeiros indicios da investigación, un home de 44 anos matou a súa muller, de 34, coa que tiña tres fillos menores de idade, que nese momento non estaban no piso.

Despois foi buscar os pequenos e levounos a unha zona próxima ao río Ebro coa intención, ao parecer, de afogalos. Botouse á auga con dúas das fillas, pero o irmán puido fuxir e pedir axuda ás persoas que estaban no lugar, que avisaron a Policía.

Tras localizalo no río, o agresor confesoulles que acababa de matar a súa muller. Axentes da Policía Nacional e da Local achegáronse ao domicilio e descubriron o cadáver da vítima, que presentaba feridas de arma branca. 

Segredo de sumario

O xuíz que dirixe a investigación decretou o segredo do sumario e os pequenos están, de momento, a cargo dos servizos sociais.

O alcalde de Logroño achegouse ao domicilio onde sucedeu o crime mentres o Concello activou o protocolo de dó establecido para os casos de violencia machista ou vicaria.

Minuto de silencio

A Delegación do Goberno na Rioxa asegura que non hai denuncias previas de malos tratos e, tras solidarizarse coa familia da vítima, convocou para este domingo un minuto de silencio para condenar este crime machista.

Segundo os datos do Ministerio de Igualdade, no que vai de ano contabilízanse 25 asasinatos machistas e hai dous máis sen confirmar, porque a investigación segue aberta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade