Publicador de contidos
Publicador de contidos

O detido por dispararlle a un mozo en Carballo nega ser o autor do tiroteo

O detido por dispararlle a un mozo en Carballo nega ser o autor do tiroteo

Pedro López Añón foi detido por un presunto delito de lesións ao ferir por un disparo outro mozo no lugar do Sisto

Logo do tiroteo, Pedrito atrincheirouse varias horas na súa vivenda, entregándose voluntariamente unhas horas despois

G24.gal 02/05/2024 13:58

Esta mañá o detido foi trasladado ao xulgado de Carballo logo de permanecer detido na comandancia da Garda Civil de Coruña en Lonzas. "Solicitou o habeas corpus e como marca a lei pasou a disposición do xuíz para decidir sobre a súa petición e fixo unha pequena declaración nese senso", confirma Javier Teixeira Pazos, avogado do detido.

Pedro López Añón, coñecido como Pedrito, conta cun amplo historial delitivo e xa no 2020 fora detido polas forzas de seguridade. Desta volta Pedrito está investigado por participar supostamente nun tiroteo que acontecía na tarde do mércores, no coñecido como barrio do Sisto e no que feriu nun brazo outro mozo na mesma localidade.

Di o seu avogado que "unha vez que rematen as actuacións por parte da Garda Civil pois falta por declarar numerosas testemuñas, poderemos saber un pouco máis do caso".

Con todo, Pedro López "nega ser autor dos disparos. O caso está baixo investigación e agardamos que mañá pase a disposición xudicial para ratificar a declaración que realizou ante a Garda Civil no día de onte", engade Javier Teixeira. 

Despois dese tiroteo, o detido parece ser que se atrincheirou na súa vivenda. Logo dunha negociación dunhas horas cos axentes da Garda Civil, Pedrito saíu da casa e entregouse voluntariamente, momento no que foi detido por un posible delito de lesións, do que se declara inocente.

A vítima do disparo resultou ferida por unha bala nun brazo. Nun primeiro momento o mozo foi atendido no PAC de Carballo, pero finalmente tivo que ser trasladado ao hospital para ser intervido, aínda que a súa vida non corre perigo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade