Publicador de contidos

Publicador de contidos

Decretan liberdade para o detido por matar unha muller no Porriño, pero seguirá en prisión por outra causa

Decretan liberdade para o detido por matar unha muller no Porriño, pero seguirá en prisión por outra causa

O Ministerio Fiscal solicitou a posta en liberdade pola expiración do prazo máximo de prisión provisional e a ausencia de novos indicios

O sospeitoso continúa como investigado neste procedemento a falta da resolución das probas de ADN

Axentes da Policía traballan no polígono industrial das Gándaras, a 23 de novembro de 2023. (Adrián Irago/Europa Press/Arquivo) Axentes da Policía traballan no polígono industrial das Gándaras, a 23 de novembro de 2023. (Adrián Irago/Europa Press/Arquivo)
G24.gal 04/04/2025 12:30

O único detido pola morte dunha muller no Porriño en novembro de 2023 quedou en liberdade por esta causa. O home continuará sendo investigado neste procedemento e permanece en prisión, onde cumpre condena por outras causas.

A xuíza do Xulgado de Instrución número 3 decretou a súa posta en liberdade tras a petición do Ministerio Fiscal pola expiración do prazo máximo de prisión provisional e a falta de novas probas. A instrución permanecerá aberta á espera de resultados das dilixencias solicitadas e o sospeitoso continuará en calidade de investigado no procedemento.

O corpo sen vida da muller, de 37 anos e residente en Vigo, apareceu en novembro de 2023 oculto tras un contedor no polígono industrial das Gándaras, no Porriño. A autopsia confirmou posteriormente a morte violenta da vítima, que non levaba documentación e apareceu cun anaco de tea na boca, o que levou os investigadores a pensar que se trataba dun homicidio.

En abril de 2024, o xulgado do Porriño decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza para o investigado como presunto autor dun delito de homicidio debido aos indicios obtidos tras a análise das antenas de telefonía móbil que situaban xuntos a vítima e investigado na madrugada do asasinato.

Cando prestou declaración no xulgado, o sospeitoso xa estaba interno no cárcere da Lama como autor de roubos con intimidación e agresión sexual a mulleres. O home prestou entón o seu consentimento para a toma de mostras de ADN, que seguen pendentes de ser cotexadas coas atopadas no cadáver.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade