O Día de Rosalía de Castro conmemora os 185 anos do seu nacemento
O Día de Rosalía de Castro conmemora os 185 anos do seu nacemento
Escolares de Padrón len poemas da escritora no Parlamento galego
O acto institucional lembra as "viúvas de vivos" do Villa de Pitanxo
Fai 185 anos que naceu Rosalía de Castro. Malia que ata o de agora se cría que nacera un 24 de xaneiro, os últimos documentos atopados demostran que foi un 23, polo que o seu día, o Día de Rosalía, celébrase este mércores.
No acto institucional, celebrado no Parlamento galego, alumnos do colexio Rosalía de Castro de Padrón recitaron algúns dos poemas máis coñecidos da escritora.
O presidente da cámara autonómica e mais o do padroado Rosalía de Castro loaron a importante herdanza da autora.
"A Galicia das últimas décadas é protagonista dun rexurdimento intenso, tanto no cultural coma no lingüístico, no económico e no político. Pouco ou nada disto sucedería sen a sementeira principiada por Rosalía", dixo Miguel Santalices, presidente do Parlamento.
"O pobo galego sentiuse, e hoxe máis ca nunca, retratado nos seus versos. Viúvas de vivos e mortos que ninguén consolará, especialmente nestes días amargos", sinalou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira Viturro, en alusión ao naufraxio en Terra Nova do pesqueiro de Marín Villa de Pitanxo.